publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O premio Luísa Villalta promove o teatro feminista co proxecto “Mulleres Pioneiras”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Deputación da Coruña presentou esta mañá o proxecto “Por min mesma. Mulleres Pioneiras” da compañía Clásicos1h, unha iniciativa social, teatral e de barrio que naceu co obxectivo de darlle voz a figuras femininas.

Esta iniciativa é un dos proxectos gañadores do concurso das áreas de Igualdade e Cultura Luísa Villalta, co que a institución provincial busca fomentar e promover a igualdade de xénero desde o campo da Cultura, e entre os que tamén se atopa “Arte+Muller+Galicia”, de Rosario Sarmiento, que esta noite se estrea na Tvg2.

O Centro Ágora da Coruña acollerá o vindeiro xoves 15 de marzo ás 21 horas a representación de “1879. Casa de Bonecas”, unha adaptación teatral do texto de Henrik Ibsen que está considerada como o primeiro manifesto feminino do teatro contemporáneo.

Deste xeito, chega ata o público unha das iniciativas seleccionadas polas áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña no Concurso de ideas de proxectos culturais pola Igualdade Luísa Villalta.

O proxecto está composto por un conxunto de actividades teatrais e debates participativos, que porán en valor as mulleres que loitaron polo dereito fundamental de decidir por elas mesmas.

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, gabou a iniciativa de Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto xa que “pon sobre a mesa textos clásicos, neste caso teatrais, que son verdadeiros manifestos feministas”, ademais de contribuír a “reivindicar a Igualdade entre mulleres e homes e incidir no incremento da visibilidade de referentes femininos”.

“Dende a Deputación apostamos dende hai tempo por políticas transversais que fomenten a participación das mulleres nos distintos ámbitos, e así crear novos referentes e mulleres pioneiras, por medio de iniciativas que mesturen a cultura e as mulleres” sinalou a vicepresidenta.

Durante a súa intervención, Goretti Sanmartín lembrou a figura de Luísa Villalta, de cuxo pasamento se cumpriron onte 14 anos, salientando que foi “unha muller comprometida desde o ámbito da poesía, o ensaio e a música” e engadiu que “a súa palabra continúa a ser absolutamente necesaria.

Pola súa parte, o actor Xoán Carlos Mejuto expuxo a sinapse da obra “1879. Casa de Bonecas” e lembrou que “a revolución de calquera muller comeza pola transformación dunha mesma, dende aí todas as demais reivindicacións pódense conseguir”

Finalmente, a actriz Iria Ares, explicou que o obxectivo das actividades do proxecto “Mulleres Pioneiras” son “darlle voz as mulleres” e “facer ver que a transformación necesaria para pensar e decidir por unha mesma é posible”.

Así mesmo, Ares enumerou o conxunto de actos que a compañía levará a cabo durante mes de marzo, no que se celebra o Día Internacional das Mulleres.

O primeiro dos espectáculos terá lugar o vindeiro día 9 de marzo no Centro Ágora (21:00 horas), cunha obra teatro na que se representarán situacións cotiás que se dan no seo das parellas e en que ademais se lle renderá homenaxe a Fadile Chami, activista de orixe siria que loita polos dereitos das mulleres.

Tamén no Ágora, o día 13 de marzo ás 20:30, a compañía Clásicos1h homenaxeará á poeta Luísa Villalta co recital poético pola Igualdade “E ti, gostas da poesía?”, cuxas entradas xa están dispoñibles na páxina web do Ágora.

Doutra banda, o local da Asociación de Veciños Agra do Orzán acollerá o 20 de marzo o debate “O portazo de Nora”, un dos símbolos da obra de Henrik Ibsen, na que a protagonista abandonará ao seu marido e fillos para fuxir da gaiola de ouro na que vive, e na que se afondará sobre cal é a situación actual da muller dentro da familia tradicional patriarcal.

O concursos de ideas culturais pola Igualdade Luísa Villalta da Deputación da Coruña ten por obxecto premiar o desenvolvemento de propostas artísticas e iniciativas culturais anuais que promovan socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura.

7 de marzo de 2018 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.