publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Clausura do obradoiro de emprego “Granxa na Rúa VII” no que se formaron 15 menores de 30 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, clausurou esta mañá na Casa do Concello de Cangas o obradoiro de Emprego “Granxa na Rúa VII”, nun acto que contou coa presenza do delegado territorial de Vigo, Ignacio López-Chaves.

Acompañado polo alcalde do municipio, Xosé Manuel Pazos, o representante autonómico puido comprobar de primeira man os avances dos 15 mozos e mozas que veñen de rematar a súa formación. López-Chaves felicitou aos alumnos e alumnas e destacou o alto índice de inserción laboral destes cursos formativos. No que atinxe á área territorial de Vigo, a media sitúase no 60%, por riba das expectativas previstas. Agradeceu tamén a aposta e a implicación das empresas, sen as que non sería posible que tiveran unha nova oportunidade laboral.

A Administración galega destinou a este taller, dividido en dúas especialidades, 140.188 euros. Durante os últimos 6 meses, 7 alumnos e alumnas formáronse en atención sociosanitaria a domicilio, e outros 8 en mantemento en zonas verdes. O “Granxa na Rúa VII” é un dos seis obradoiros específicos para menores de 30 anos concedidos este ano a través do Sistema de Garantía Xuvenil.

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros, 8 xerais e 6 específicos nos que 250 persoas desempregadas reciben formación e un contrato de traballo.

Estes talleres, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan na convocatoria actual varias novidades respecto á anterior, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Asemade, deuse prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permite iniciar os seus propios proxectos.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades ás que opten relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Prímanse aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

26 de marzo de 2018 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.