publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta intensifica a vixilancia nas zonas de maior incidencia do furtivismo na Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

A Consellería do Mar está a intensificar os labores de vixilancia contra o furtivismo naquelas zonas de maior incidencia con motivo das festas de Semana Santa. Así o trasladou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, esta mañá durante unha visita que realizou á unidade operativa do Servizo de Gardacostas en Ribeira.

Alí Rosa Quintana enxalzou a implicación do Servizo de Gardacostas na loita contra o furtivismo e agradeceu ao seu persoal o importante labor que realiza para atallar esta problemática. Un traballo, explicou a titular de Mar, que intensifican nestas datas sobre os produtos que acadan maior prezo no mercado.

Neste sentido, explicou que esta intensificación se centrará nos eidos da comercialización e da restauración, a través de inspeccións en puntos de venda e en establecementos de hostalería, onde se revisará que a mercadoría que ofrecen conta coa documentación legal pertinente. Ademais, estenderase a unha actuación conxunta e coordinada con Comercio e coa Axencia Galega de Turismo, que precisamente se iniciará na Semana Santa.

Así, a conselleira agradeceu o traballo de control da actividade que realizan os gardacostas e subliñou que se trata dun labor de defensa de todo o sector pesqueiro profesional centrado en facer fronte ás persoas que extraen e venden ilegalmente, prexudicando a saúde dos consumidores. Nesta liña, fixo fincapé na importancia de implicar á sociedade como aliada fundamental na loita contra esta lacra que abarca os eidos social, económico, sanitario e ambiental.

Finalmente, Rosa Quintana, expuxo que o Servizo de Gardacostas realizou nos dous primeiros meses deste ano case 1700 inspeccións que resultaron co comiso de case 5500 quilos de distintas especies de peixe e marisco e coa incautación de 1150 útiles.

O servizo

A conselleira lembrou que o Servizo de Gardacostas opera as 24 horas e os 365 días do ano, dando resposta inmediata aos incidentes que se van producindo na comunidade autónoma galega e lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma española que conta cun servizo propio destas características.

Esta parte da Consellería do Mar estrutúrase en servizos centrais e servizos periféricos. Aos servizos centrais correspóndelle establecer as directrices e a programación e seguimento das actuacións e os servizos periféricos organízanse en unidades operativas (Celeiro, Ferrol, Coruña, Muxía-Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo), cun xefe de unidade operativa á fronte que coordina e dirixe ao persoal adscrito á mesma.

27 de marzo de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.