publicidade hoxe

A Xunta convoca para o 27 de abril aos titulares dos terreos afectados pola construción dunha senda entre A Barcia e Roxos para o levantamento de actas previas á ocupación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta convoca para o vindeiro 27 de abril os titulares dos terreos afectados pola construción dunha senda peonil na estrada AC-543, entre A Barcia e Roxos, para o levantamento de actas previas á ocupación.

Os propietarios deberán acudir ao local sociocultural de Villestro, no Concello de Santiago, entre as 10 e as 12 horas.

Esta obra, cun investimento de máis dun millón de euros, forma parte do proxecto previsto pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda para facer posible completar o percorrido entre Compostela e Bertamiráns a través da estrada autonómica AC-543 (Santiago-Noia) sen necesidade de empregar o coche.

Con ese fin rematou xa a construción do treito da senda entre Vidán en Laraño, tamén en Santiago, e se iniciaron xa as expropiacións para conectar Roxos con Aldea Nova, no Concello de Ames. Entre ese mesmo concello e o de Brión está, ademais, executándose na actualidade a senda que une a urbanización Monte Devesa con Aldea Buio.

O proxecto prevé a construción dunha senda peonil e ciclista entre os puntos quilométricos 1+800 e 4+150 da estrada AC-543 no Concello de Santiago de Compostela. A senda consta dunha plataforma cun mínimo de 1,8 m de ancho, de formigón coloreado e separada da calzada por unha zona axardinada, mais os bordos de separación. No tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+970 e 2+012 proxéctase unha pasarela de madeira de 2 metros de ancho coa fin de salvar o regato existente.

A actuación enmárcase no Plan de Sendas de Galicia que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a desenvolver na comarca de Santiago, sumando 14,6 novos quilómetros nos concellos da bisbarra. Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

14 de marzo de 2018 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.