publicidade hoxe

A Xunta acolle unha mostra de Cogami co obxectivo de acadar a igualdade e a non discriminación das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
José Manuel Rey Varela na inauguración da mostra

José Manuel Rey Varela na inauguración da mostra

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou hoxe a exposición que Cogami realiza no marco de CapacitARTE, unha mostra a prol dunha Galicia inclusiva e igualitaria. Unha iniciativa promovida por CERMI Galicia en colaboración coa Administración galega e grazas á cal, ao longo deste ano, o edificio de San Caetano acollerá exposicións de cada unha das entidades que agrupan e defenden ás persoas con discapacidade física e intelectual.

A mostra inaugurada esta mañá amosa o día a día das persoas que forman parte de Cogami, desde usuarios ata traballadores. Deste xeito, aqueles que visiten a exposición poderán ver as actividades que se realizan desde a entidade.

Rey Varela lembrou que acadar a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal segue a ser unha das prioridades a nivel social do Goberno galego. Froito deste compromiso, en 2018 incrementáronse nun 8%, os orzamentos destinados ás persoas con discapacidade, ata situarse nun total de preto de 103 millóns de euros.

Finalmente, o conselleiro de Política Social avogou por seguir estreitando a colaboración coas entidades e sumando esforzos para multiplicar os resultados e agradeceu a Cogami o seu labor, así como o do CERMI e o do resto das entidades que o conforman, non só por poñer en marcha este ciclo de exposicións, senón polo seu traballo de sensibilización coa sociedade para que esta siga avanzando no recoñecemento da valía das persoas con discapacidade.

27 de marzo de 2018 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.