publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda rubrica un convenio para o acondicionamento da rúa Concepción Arenal de Marín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedra
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Marín

Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Marín

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, vén de asinar hoxe coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, un convenio de colaboración para a humanización da rúa Concepción Arenal. Este acordo permitirá executar ao concello a reorganización do treito de 500 metros da estrada PO-546, entre a glorieta das Anclas e a rúa Real de Cantodarea, cun investimento superior aos 1,6 millóns de euros.

Trala firma do convenio na casa consistorial, Vázquez Mourelle sinalou que este acordo permite sentar as bases para que o concello poida acometer actuacións nunha das principais arterias do núcleo urbano da vila, trala posta en marcha da Variante de Marín. Isto vai facer posible, engadiu, a racionalización das titularidades da rede viaria e atender a solicitude do concello para materializar a transferencia de titularidade deste treito da estrada.

Segundo explicou Vázquez Mourelle, con este convenio o Concello de Marín será o encargado de redactar os proxectos e de contratar e executar as obras de humanización. A obra executarase en dúas fases, mediante dous proxectos que acondicionarán respectivamente os treitos entre a rotonda das Anclas e a rúa José Trasende o primeiro, e entre a rúa José Trasende e a rúa Cantodarea o segundo.

A conselleira sinalou que a intervención incluirá a ampliación das beirarrúas para facilitar o tránsito dos peóns e incrementar a seguridade. A actuación inclúe ademais a reordenación da zona de aparcadoiro e da zona de carga e descarga, para que o tráfico de vehículos sexa tamén máis fluído; así como a renovación dos servizos existentes e a dotación de novo mobiliario urbano.

Desde a Consellería de Infraestruturas se financiarán estas actuacións cunha achega de 1,3 millóns de euros, o 80% do investimento total, correspondendo ao concello costear o 20% restante.

Vázquez Mourelle indicou que esta humanización de Concepción Arenal dará continuidade á reurbanización xa realizada nos últimos anos polo Concello de Marín noutros treitos da rúa, que tamén contaron con achegas da Xunta.

Ademais salientou que a suma de esforzos e colaboración entre Xunta e Concello ten como obxectivo que os veciños de Marín vexan reforzada a seguridade viaria, a fluidez no tráfico e, en consecuencia, facerlles a vida máis cómoda, máis, segura e máis humana.

Plan de sendas

Doutra banda, Ethel Vázquez destacou máis actuacións que está a impulsar a consellería neste municipio, como é o Plan de Sendas de Galicia, que para a Comarca do Morrazo prevé a construción de 8 sendas para peóns e ciclistas, sendo Marín un municipio no que se executarán parte destes itinerarios: 4 sendas ás que a consellería destinará arredor de 1,8 millóns de euros.

A conselleira referiuse así á nova senda de Vilaseca-Lapamán, que se construirá pola marxe dereita da PO-551 ata o límite municipal de Bueu, e que hoxe mesmo se acaba de aprobar o expediente de información pública e o proxecto de construción. No mes de abril se prevé aprobar o decreto de utilidade pública e a continuación se procederá á licitación das obras.

Nesta mesma estrada, Ethel Vázquez avanzou que se executará outra senda, entre Bagüín e Seixo, que dará continuidade ás beirarrúas existentes e permitirá que veciños e turistas dispoñan dun itinerario a pé que percorrerá Marín ao completo pola costa. Nestes momentos, o proxecto está en redacción e se prevé poder sometelo a información pública no 2º semestre do ano.

A estes itinerarios sumaranse outros dous previstos na PO-313, na zona de Pardavila. Un tramo de Coirados-Pardavila, no que se están a estudar as alegacións e cuxo obxectivo é licitar as obras este ano. E un segundo tramo en proxecto entre Pardavila-Cadro, que está pendente de someterse a información pública este verán.

Estas actuacións de mellora da mobilidade e de reforzo da seguridade viaria, que inclúe a humanización da rúa Concepción Arenal e as citadas sendas, suporá un investimento da consellería de máis de 3 millóns de euros.

Treito de concentración de accidentes

Ademais, a conselleira referiuse a outras intervencións que se verán complementadas con proxectos coma os que se van a desenvolverse na PO-551, xa no termo municipal de Bueu, para eliminar o treito de concentración de accidentes, cun investimento de 1 millón de euros. Esta actuación, engadiu, recolle ademais a construción dun pequeno treito de senda que dará acceso á praia de Lapamán, dando continuidade á senda xa proxectada en Marín.

Vázquez Mourelle informou que este novo proxecto se está a redactar e se espera someter a información pública antes do verán. Unha nova actuación, lembrou, que potenciará o efecto de mellora da seguridade viaria da estrada autonómica PO-551, tamén ao seu paso por Marín.

Todas estas actuacións amosan a aposta e o traballo do departamento que dirixe Ethel Vázquez por incrementar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos dos veciños e dos turistas que, sobre todo en épocas coma esta, se achegan ata Marín para desfrutar dos seus atractivos, concluíu.

28 de marzo de 2018 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.