publicidade hoxe

O DOG publica o trámite de información pública do proxecto de construción da glorieta de Guillarei en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraTui
A-
A+
José Manuel Cores Tourís na visita á PO-404 en Tui

José Manuel Cores Tourís na visita á PO-404 en Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe a PO-404 en Tui a raíz da publicación no DOG do trámite de información pública do proxecto de construción da glorieta que dará servizo aos veciños de Guillarei e a Edar situada nesta parroquia.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Carlos Padín, así como do xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda, Jose Luis Díez, e do xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez, así como do tenente alcalde da vila, Antonio Castro.

Tal e como explicou o delegado territorial, o obxectivo é construír unha rotonda nunha zona moi demandada polos veciños e que, ademais, dará acceso á Estación Depuradora de Augas Residuais desta parroquia de Tui. “A área de actuación conta na actualidade cunha intersección en T co vial de acceso á Edar de Guillarei, sen carrís de espera nin de incorporación, nun tramo con escasa visibilidade”, matizou Cores Tourís. “A execución dunha glorieta ten como obxectivo evitar así, xiros á esquerda sen carril central de incorporación, así como reordenar o tráfico, o que mellorará a seguridade viaria”.

As obras previstas comprenden a execución dunha glorieta no punto quilométrico 1+900 da estrada PO-404, a continuidade dos itinerarios peonís para mellorar a seguridade viaria de peóns e ciclistas, a pavimentación con capa de rodaxe, pavimento adoquinado e formigón na isleta interior da glorieta e ampliación da plataforma da estrada, a iluminación da glorieta proxectada, sinalización, balizamento e defensas, e mellora, limpeza e adecuación da drenaxe.

Os viais de acceso á nova glorieta presentarán un ancho mínimo de 3 metros, dando continuidade aos existentes, e ampliaranse na súa conexión coa glorieta. As beiravías serán dun metro de ancho, salvo nas conexións cos existentes. A glorieta adaptará a súa rasante á calzada existente e en planta situouse de tal xeito que non afecte a muros nin a peches de fincas, ampliando a calzada só en fincas rústicas.

O orzamento do proxecto é de 316.400 euros, e estará exposto ao público, tanto na Consellería de Infraestruturas en Santiago, como no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, na casa do concello de Tui e na páxina web da Xunta durante 30 días hábiles para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes en relación ao trazado deseñado.

26 de febreiro de 2018 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.