publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comeza a ampliación da estrada de acceso ao Parador de Muxía, nas que a Deputación inviste máis de 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMuxía
A-
A+

A Deputación da Coruña comezou hoxe as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5201 de Muxía a Touriñán pola costa, nas que a institución provincial inviste 707.560, 80 euros.

“Trátase dun dos maiores investimentos de cantos estamos a realizar actualmente na rede provincial de estradas e suporá ademais un impulso importante para Muxía, pois trátase dunha obra na estrada que conecta cunha infraestrutura fundamental para o futuro do municipio, como é o Parador de Turismo”, apuntou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que hoxe visitou Muxía para supervisar xunto ao alcalde da localidade, Félix Porto Serantes, o deputado responsable da área de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, e diversos membros da corporación municipal o inicio dos traballos.

Antes de visitar a estrada, González Formoso, Porto e Pequeño, acompañados de técnicos do departamento de Vías e Obras da Deputación, explicaron na Casa do Concello de Muxía os pormenores do proxecto, que inclúe a ampliación da plataforma da estrada ata os 8 metros no tramo que discorre entre os puntos quilométricos 2+387 e 4+086, preto de 2 quilómetros de lonxitude que separan o remate do tramo xa ensanchado da estrada e o lugar de Lourido.

Ampliación, variante de Lourido e mirador

O novo vial contará cunha calzada de 7 metros e arcéns de 0,5 metros en ambas as dúas marxes, unha senda peonil de de 2 metros de ancho que discorrerá pola marxe dereita da calzada e que contribuirá a mellorar a seguridade dos transeúntes e unha variante do trazado no lugar de Lourido, xa que as condicións que presenta a travesía deste núcleo non son as axeitadas para o tráfico rodado e peonil.

As obras inclúen tamén a construción dun novo mirador á altura do punto quilométrico 3+263, que contará con espectaculares vistas sobre a ría e disporá dunha pequena zona de estacionamento de vehículos, o revestimento das cunetas con formigón, a dotación dun sistema de drenaxe transversal e a instalación de novas tubaxes de recollida de pluviais.

O alcalde de Muxía, Félix Porto, destacou a importancia e a necesidade destes traballos, que contribúen a mellorar as comunicacións do municipio e ao mesmo tempo poñen en valor a prolongación Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago, cada vez máis frecuentado por peregrinos chegados de todos os recunchos do mundo.

González Formoso subliñou tamén a aposta da Deputación por mellorar as estradas provinciais polas que discorre esta ruta xacobea, dotándoas de sendas peonís que garantan a seguridade dos transeúntes e peregrinos. Neste sentido, lembrou que no pleno de mañá venres aprobarase un investimento de preto de 900.000 euros para a construción de máis de 5 novos quilómetros de sendas no Camiño que se sumarán ás xa executadas en Muxía, Dumbría e Santa Comba.

As obras teñen un prazo de execución de 10 meses, polo que se espera que podan estar rematadas antes de que remate o presente ano.

22 de febreiro de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.