publicidade hoxe

A Xunta inicia en Lugo as accións formativas sobre seguridade laboral cunha xornada sobre os incentivos para a prevención de riscos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A Xunta dá comezo ás accións formativas sobre seguridade laboral que desenvolve en Lugo o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que neste momento xa ten programadas para os vindeiros meses dez xornadas técnicas e dous cursos básicos de prevención de riscos laborais, dirixidos a empresarios e traballadores de diferentes sectores.

Ao respecto, o delegado subliñou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación continua no ámbito da seguridade laboral e prevención de riscos laborais. Balseiro referiuse á necesidade de seguir concienciando tanto aos empresarios como aos traballadores da importancia de adoptar e respectar as medidas neste ámbito.

Neste sentido, apuntou que “cada vez hai maior sensibilidade nesta materia e os centros de traballo asumen como un investimento produtivo e necesario os recursos que destinan á prevención”.

A primeira xornada técnica que acollerá este ano o Centro ISSGA de Lugo (situado na Ronda de Fingoi) estará centrada no sistema de incentivos para a diminución e prevención da sinistralidade laboral e celebrarase o vindeiro día 22 de febreiro.

Esta sede acollerá en marzo unha xornada sobre os “Riscos ergonómicos. Metodoloxías de avaliación e implementación de medidas preventivas”, e en abril dúas sobre “Innovación en prevención de riscos laborais. Drons e a súa aplicación práctica en materia de seguridade e saúde laboral” e “Sistemas de xestión da prevención de riscos laborais. A norma ISO 45001”.

Nos seguintes meses convocaranse xornadas técnicas sobre “Novas experiencias de integración da PRL: Seguridade Baseada no Comportamento (SBC)”, un obradoiro de riscos psicosociais, formación sobre “Innovación e boas prácticas de seguridade e saúde laboral no sector eólico, “Cumprimento normativo das persoas xurídicas en PRL. Responsabilidade penal”, “Riscos laborais no almacenamento de produtos químicos”, e “Seguridade e cualificación para o manexo de maquinaria de construción”.

No que se refire aos cursos de prevención de riscos están previstas dúas edicións, a primeira do 12 ao 16 de marzo e a segunda a partir do 12 de novembro. Están abertos a todas as persoas interesadas, e teñen preferencia os delegados de prevención de riscos ou persoas responsables da materia nos centros de traballo.

A páxina web do ISSGA ofrece toda a información necesaria sobre as accións formativas, así como os formularios de inscrición para as distintas actividades.

19 de febreiro de 2018 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.