publicidade hoxe

O Concurso “Balbino” de Relatos premiará ao mellor traballo con 1.500 euros e a publicación da obra na convocatoria de 2018

Presentación da nova convocatoria do Concurso "Balbino" de Relatos

Presentación da nova convocatoria do Concurso “Balbino” de Relatos

Hoxe xoves presentouse o 3º Concurso “Balbino” de Relatos, que leva o nome do protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas.

Este Concurso de Relatos pretende ser un estímulo para todas aquelas persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura. A presentación deste certame tivo lugar no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. No acto estiveron presentes os representantes das entidades colaboradoras; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luis Reimóndez; e o responsable de Edicións Fervenza, Manuel Núñez. Ademais dos mencionados, neste proxecto tamén colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e os concellos de Boqueixón e de Vila de Cruces.

Participantes

O Concurso “Balbino” de Relatos, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que terán como motivación temática o rural, o mar e a emigración.

Bases

O prazo estipulado para remitir os escritos finaliza o venres 30 de xuño de 2018 e, ditos relatos deberán cumprir unha serie de requisitos formais, marcando unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres, estar escrito en galego e temática vinculada co rural, o mar ou a emigración.

A obra gañadora será elixida por un xurado profesional de recoñecido prestixio que darán o fallo no mes de setembro. O autor do relato premiado recibirá un premio dobre, un cheque por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.

Edicións anteriores

Na anterior edición do Concurso “Balbino” de Relatos, en 2017, resultou gañadora a obra “De que falarán as árbores”, de Ricardo Cid Paz; mentres que na primeira edición o premio recaeu no xoven coruñés Xián Lois Alcayde Dans, con “Camiños na sombra”.

25 de xaneiro de 2018 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.