publicidade hoxe

O Certame de Relato Curto da FANPA abre a participación ao alumnado universitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A FANPA de Pontevedra bota a andar unha nova edición do Certame de Relato Curto que convoca en colaboración con Kalandraka Editora, e que conta co apio do concello de Pontevedra e da Deputación provincial. Ao igual que en anos anteriores, nesta convocatoria tamén se introduciu unha novidade, que nesta edición é a inclusión do alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo na categoría de adultos. Anunciouno esta mañá o presidente da FANPA, Rogelio Carballo, na presentación do certame en compañía da responsable de comunicación de Kalandraka, Paz Castro, do concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña, e do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Este certame, que foi medrando en traballos presentados cada ano, superara os 800 relatos recibidos na pasada edición. “No sector educativo, esta convocatoria comeza a coller forza, e ao ter unha dimensión provincial, estase a converter nun referente no eido dos certames de relato curto” asegurou Xosé Leal. O deputado indicou que “este tipo de certames fomentan a creatividade, o uso da lingua galega, e ademais supoñen un primeiro contacto co medio da edición ao contar coa colaboración de Kalandraka”. Tamén aproveitou a súa intervención para agradecer á FANPA “o seu entusiasmo por sacar adiante e mellorar cada ano a convocatoria”. Pola súa banda, Alberto Oubiña lembrou que desde o concello de Pontevedra están “encantados de poder colaborar, xa desde a primeira edición, nunha iniciativa que soubo reinventarse cada ano”. Oubiña tamén felicitou a todas as entidades colaboradoras e salientou “a cantidade de relatos abrumadora que se reciben, e de calidade inmensa”.

Rogelio Carballo tamén anunciou esta mañá que o autor que este ano colaborará no Certame –no libro que recolle os relatos finalistas e gañadores e no acto de entrega dos premios- é Antonio García Teijeiro, que vén de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola súa obra ‘Poemar o mar’. “Quero deixar constancia do orgullo que sinto como galego de que os dous colaboradores deste ano sexan premios nacionais” asegurou Carballo. Un aspecto no que tamén incidiu Paz Castro ao lembrar que os escritores e escritoras que colaboraron nas últimas edicións, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo e Antonio García Teijeiro, recibiron todos o máximo galardón estatal en LIX. Neste sentido, Paz Castro tamén salientou o traballo do autor do cartaz da VI edición do certame “que evoca a cidade de Pontevedra e é obra do ilustrador Óscar Villán”, e que foi o primeiro galego en recibir o 1º Premio Nacional de Ilustración en 1999 por ‘O coelliño branco’, editado precisamente por Kalandraka. A responsable de comunicación da editora tamén destacou que este certame “é unha iniciativa de animación á lectura, pero tamén á escrita, tanto no ámbito da escola como do fogar” e que este ano terá “un extra ao coincidir co 20 aniversario da editora”.

Bases, prazos e premios

Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Na categoría de adultos poderán participar profesorado e familiares que convivan co alumnado, así como os alumnos e alumnas matriculadas nas facultades dos campus de Pontevedra e Vigo. Cada persoa poderá presentar un relato inédito que conteña entre 200 e 300 palabras que deberá enviar por correo electrónico antes do 28 de febreiro ao enderezo certame.relatocurto@nontedurmas.org.

Establécense catro categorías – primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e adultos- e un premio para cada unha dun vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Óscar Villán. Ademais, os 120 finalistas recibirán un libro colectivo cos seus relatos, que incluirá unha historia elaborada expresamente para o certame polo escritor Antonio García Teijeiro. Estes relatos tamén serán publicados polo Diario de Pontevedra durante as vacacións de verán.

Dos 120 finalistas, o xurado destacará 20 relatos finalistas, entre os que escollerá o gañador de cada categoría, que poderán participar nun obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da AELG.

18 de xaneiro de 2018 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.