publicidade hoxe

Finalizan os traballos do novo comedor do CEIP Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o novo comedor do CEIP Piñeiriño de Vilagarcía que acaba de rematar a Consellería de Educación e que dará servizo a cerca de 70 nenos e nenas deste centro.

Na visita estivo tamén acompañado do alcalde da localidade, Alberto Varela, así como do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e responsables da Unidade Técnica deste departamento.

Estas obras, cun orzamento que roldou os 75.000 euros, foron executadas en colaboración co concello de Vilagarcía e supuxeron o acondicionamento dos espazos e as instalacións dos antigos vestiarios, demoléndose os tabiques, as soleiras e as instalacións de electricidade, fontanería e calefacción, e levantando os falsos teitos existentes, os cercos nas fachadas e as varandas. A firma encargada dos traballos foi Construcións Castro Figueiro, S.L.U.

Mantívose a estrutura existente, ampliando os ocos da fachada para dotar ao comedor escolar de maior luminosidade e ventilación natural. Instalarase baldosa de beirarrúa para os pavimentos exteriores, e baldosa de gres para o interior. Tamén renovouse a rede de saneamento, a de fontanería, a electricidade e a iluminación, que agora é de tipo Led, a calefacción e a rede de ventilación. O novo comedor conta un espazo de cerca de 140 metros cadrados.

Por outra banda, o delegado territorial tamén quixo destacar que as obras de cambio dos falsos teitos e iluminación nas aulas do colexio Rosalía de Castro de Carril xa están rematadas. Os traballos foron executados cun orzamento de 58.129,72€ e, “deste xeito, damos cumprimento ao compromiso do Conselleiro de Educación coa Anpa deste centro, garantindo a mellora das instalacións”.

José Manuel Cores Tourís informou que, nos últimos días, destináronse dende a Xefatura Territorial de Educación 23.000 euros ao IES Bouza Brey e ao CEIP Arealonga deste municipio co obxectivo de levar adiante obras de mellora de eficiencia enerxética. “Nos últimos anos, os colexios de Vilagarcía recibiron máis de 3,2 millóns de euros para a posta en marcha de diversas obras e reformas, o que demostra o interese pola calidade educativa da Xunta de Galicia neste municipio”, rematou o delegado territorial.

23 de xaneiro de 2018 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.