publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cambados acolle catro novos obradoiros do programa “Smartpeme”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá catro obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da institución provincial. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A actividade deste mes arranca este mércores co obradoiro “Crea os teus propios informes: Google Data Studio” e seguirá o luns 22 co curso “Rentabiliza o teu perfil profesional en Facebook”. Esa mesma semana, o xoves 25 de xaneiro, Cambados acollerá o obradoiro “Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura?” Por último, o martes 30 de xaneiro, celebrarase o curso “Como facturar electrónica mente”. A oficina “SmartPeme” de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades comezan ás 19 horas.

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as persoas emprendedoras, as asociacións empresariais e as e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de “SmartPeme” no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo hai itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial das e dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC a provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

17 de xaneiro de 2018 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.