publicidade hoxe

A Xunta reforza a colaboración coas entidades para avanzar no benestar e desenvolvemento das persoas con dano cerebral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, visitou na tarde de hoxe no municipio lucense de Castro de Rei dous centros de atención a persoas con dano cerebral, parálise cerebral e enfermidades neurodexenerativas nos que a Administración autonómica ten prazas concertadas. Trátase do centro asistencial de día da Fundación de Dano Cerebral (Fudace) e da residencia de parálise cerebral e dano cerebral de Castro Ribeiras de Lea que xestiona Cruz Vermella.

En declaracións aos medios de comunicación, Fabiola García enxalzou o traballo que realizan as entidades Fudace e Cruz Vermella no ámbito da discapacidade a través destes servizos de atención diúrna e residencial nos que a Xunta oferta ás fámilias un total de 52 prazas concertadas. Estas prazas supoñen un investimento de algo máis de 1,1 millóns de euros ao ano e están distribuídas da seguinte maneira: 16 no equipamento de Fudace e outras 36 no de Cruz Vermella, das cales 26 son en réxime de internado e as 10 restantes en centro de día.

Ademais, a directora xeral reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir incrementando o apoio as persoas con discapacidade e ás súas familias “fomentando a plena integración e a igualdade de oportunidades, así como a colaboración entre a Administración e as entidades sociais”.

Fabiola García indicou que a atención á discapacidade é moi importante para o Goberno galego. Por iso, a Xunta de Galicia aumentou nos orzamentos xerais deste ano a partida económica destinada ao este ámbito en case un 9% con respecto a 2017, ata acadar os 102,8 millóns de euros. Así mesmo, subliñou que deste montante global destínanse 84 millóns de euros ao mantemento e consolidación da rede galega de prazas asistenciais, tanto diúrnas como residenciais.

23 de xaneiro de 2018 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.