publicidade hoxe

A Consellería de Medio Rural destina 2,1 millóns de euros en axudas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia para os anos 2018-2019, cun orzamento de 2,1 millóns de euros de fondos propios.

O obxectivo destas axudas é mellorar o status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais. Estes programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2018 e o 28 de febreiro de 2019. Estas axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que non son obxecto de programas nacionais.

Os gastos subvencionables son os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización dos distintos programas zoosanitarios. Así mesmo, tamén se financiarán os gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas, e cursos de formación para os gandeiros.

Poderán optar a estas achegas as entidades asociativas agrarias que estean inscritas no rexistro oficial de ADSG, quedando excluídas as formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún. Así mesmo, deberán estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en activo e que ditas explotacións teñan a condición de pequenas ou medianas empresas, ademais de estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social.

A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo establecido para facelo será dun mes, contado a partir de mañá.

17 de xaneiro de 2018 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.