publicidade hoxe

A arte contemporánea sae ás rúas de Santiago para darse a coñecer nos escaparates da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A iniciativa Pasearte está a converter as rúas do Ensanche compostelán en galerías de arte ao aire libre. Desde o pasado sábado 2 de decembro e ata o vindeiro 5 de xaneiro, as galerías Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta exhiben parte dos seus fondos nos escaparates das rúas máis céntricas da cidade. Un proxecto que pretende dinamizar o comercio de proximidade da zona, ao tempo que o converte nun espazo de colaboración en torno á cultura.

Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou hoxe na presentación de Pasearte, trátase dunha oportunidade para achegar “as novas tendencias da arte e os creadores a un público moito máis amplo do que habitualmente visita as galerías”, propiciando a curiosidade e o interese do público.

No acto de presentación participaron, canda o secretario Xeral de Cultura, o presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández; o comisario e director de Pasearte, Javier Blanco e a concelleira de desenvolvemento económico do concello de Santiago, Marta Lois.

Anxo Lorenzo destacou que Pasearte contribúe á promoción dos artistas galegos, ao situalos nunha contorna diferente dos seus espazos habituais, ao tempo que “fomenta a creatividade individual, a capacidade crítica e a formación dos máis pequenos” que, a través do coñecemento chegan á comprensión e o gusto pola arte.

O proxecto inclúe unha ampla oferta de obradoiros de arte, foros e encontros con artistas, visitas guiadas ou experiencias en vivo, para que o público que se achegue ao centro da cidade teña a ocasión non só de ver pintura, escultura ou fotografía, senón tamén de formar parte do proceso creativo. A programación de actividades e os horarios poden consultarse na web de Cultura https://www.cultura.gal/gl/axenda.

5 de decembro de 2017 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.