publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sol Vázquez destaca en Teo a calidade e a unión de tradición e vangarda como clave para a proxección exterior da artesanía galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTeo
A-
A+
Sol Vázquez na visita a Teo

Sol Vázquez na visita a Teo

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe en Teo os obradoiros artesanais de Silvereira e Rosa Méndez, onde destacaron a calidade e a unión de tradición e deseño, vangarda e innovación como clave para a proxección exterior da artesanía galega.

Ambos obradoiros benefícianse das axudas que hoxe publica no DOG a Consellería de Economía, Emprego e Industria e que teñen como obxectivo promover a comercialización da artesanía galega por un importe de 201.000 euros. Desta resolución benefícianse 35 titulares de obradoiros artesanais e 12 concellos, así como a Asociación Galega de Artesáns.

Dos obradoiros que se acollen a estas axudas, 17 son da provincia da Coruña, 10 da provincia de Pontevedra, sete de Lugo e un de Ourense, para a presenza en feiras como Maison & Objet ou o Salon Ob’Art, en París, ou Bisutex, en Madrid. No que respecta aos concellos que reciben estes apoios para a realización de feiras de artesanía, son Bóveda, Cospeito, Mondoñedo, Monforte, Viveiro, Outeiro de Rei, Triacastela, Camariñas, Oleiros, Malpica, Carnota e Cerdedo-Cotobade.

Silvereira é un obradoiro artesanal dedicado á xoiería e á bixutería creativa. O elemento esencial do seu traballo é a prata de lei, combinada con outros materiais como acibeche, resina, ante, metacrilato ou esmalte. Os traballos de Silvereira caracterízanse por ter un estilo propio definido, que evoluciona sempre en consonancia coas últimas tendencias buscando sempre deseños sinxelos e harmoniosos. A aposta polas novas tecnoloxías é tamén unha das características de Silvereira, que presenta unha clara intención de renovación da pratería e ourivería.

Pola súa parte, Rosa Méndez é unha artesá que comezando coa experimentación coa pintura, levou o seu proceso creativo por diferentes vías ata desembocar no vidro como vehículo de expresión da súa xoiería contemporánea. Este material permítelle plasmar todo tipo de sensacións e sentimentos na súa obra, grazas á súa versatilidade e potencial de moldeado. Rosa Méndez, finalista dos Premios Artesanía de Galicia 2016, comercializa as súas pezas en países como Francia, Italia, Grecia ou Xapón, China e Estados Unidos.

8 de novembro de 2017 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.