publicidade hoxe

O CCVV inicia o procedemento de venda de cinco novas vivendas no barrio histórico da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O consello de administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), organismo integrado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello de Vigo, aprobou hoxe en convocatoria extraordinaria solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o inicio do procedemento de venda de cinco novas vivendas de protección autonómica (VPA).

Trátase das promocións correspondentes a Subida ao Castelo 12 e Subida a Costa 5, con prezos que oscilan entre os 125.206,25 euros a de maior superficie e os 94.724 euros da de menor tamaño. As cinco vivendas se e ofertarán a un prezo inferior ao máximo legal autorizado para as VPA.

Segundo explicou o delegado da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo, Ignacio López-Chaves, catro das novas residencias atópanse na promoción Subida ao Castelo 12, un proxecto erixido sobre unha antiga edificación que debido ao seu mal estado tivo que ser demolida tras a súa adquisición polo CCVV. O resultado é un edificio dividido en tres plantas (semisoto, planta baixa e planta alta) cun total de 325 metros cadrados construídos aos que hai que engadir 44,35 m2 de xardín e 4,30 de superficie balconada. Dous das vivendas son tipo dúplex, distribuídas entre o semisoto a planta baixa. A primeira delas ten unha superficie de 77,05 metros cadrados útiles e un prezo proposto de 125.206,25 euros. A segunda conta cunha superficie útil de 75,55 metros cadrados e un prezo proposto de 122.768,75 euros. Ambas contan cunha superficie axardinada na planta semisoto.

As outras dúas vivendas atópanse na planta superior. Unha delas ten unha superficie de 55,77 metros cadrados útiles e un prezo proposto de 94.809 euros. A superficie do segundo é de 55,72 metros cadrados útiles e ofertarase por 94.724 euros. As catro vivendas teñen acceso independente desde a planta baixa e contan con cociña-salón-comedor, baños e zona de lavadoiro e tendal.

En canto a quinta das vivendas, que o CCVV poñerá a disposición daquelas familias interesadas en fixar a súa residencia nesta zona do barrio histórico de Vigo, está situada na rúa Subida a Costa 5, moi próxima ao Centro de Notificacións dos Xulgados e ao Concello de Vigo. O proxecto impulsado polo Consorcio recupera unha edificación de dúas plantas que anteriormente tivera un uso hostaleiro. O carácter comercial do edificio mantense na planta baixa, en tanto que a planta superior convértese nunha residencia de 69,11 metros cadrados útiles, distribuídos en dous dormitorios, salón-comedor-cociña, baño e lavadoiro-tendal. A vivenda caracterízase pola súa luminosidade e excelentes vistas sobre boa parte do casco vello de Vigo. O prezo proposto ao IGVS para a venda desta vivenda é de 114.031,50 euros.

Ambas as promocións atópanse na fase final da súa construción e está previsto que poidan saír a concurso no primeiro trimestre de 2018. Cómpre recordar que para a súa adquisición é necesario estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia e cumprir os requisitos que regulan a concesión deste tipo de vivendas.

Dito isto, López-Chaves salientou a labor do ente rehabilitador con 74 inmobles adquiridos desde o 2005. “O labor do Consorcio Casco Vello de Vigo, que dende fai doce anos leva investidos no barrio histórico máis de 45 millóns de euros, vai facéndose visible e é unha realidade palpable”, dixo, ao tempo no que incidiu en que o obxectivo prioritario é finalizar a rehabilitación da parte alta e a ribeira do Berbés. Precisamente, na fachada marítima é onde están enfocados boa parte dos esforzos do consorcio.

Adxudicación de obras

Por outra banda, nunha reunión posterior, o comité executivo do ente rehabilitador, tamén baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, aprobou a adxudicación de dúas das súas próximas promocións, Cruz Verde 8 e Ferrería 8, ás empresas Prace, Servizos e Obras e Construcións Abal. Ambos proxectos suporán un investimento de preto de 350.000 euros e permitirán a construción de dúas vivendas unifamiliares, de entre dous e tres dormitorios, distribuídas en varias plantas. Ambas edificacións tiveron que ser demolidas tras a súa adquisición polo CCVV – respectando tan só as súas fachadas- debido ao mal estado de conservación no que se atopaban.

2 de novembro de 2017 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.