publicidade hoxe

Francisco Conde comeza unha viaxe a México para consolidar as relacións comerciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, realizará desde mañá e ata o sábado unha viaxe institucional a México co obxectivo de consolidar as relacións comerciais con este país e abrir novas oportunidades de investimento.

Tal e como salientou o conselleiro en declaracións aos medios, a visita, que tivo que ser suspendida en setembro tras os terremotos que se produciron no país norteamericano, responde a tres obxectivos principais. Así, Francisco Conde manterá contactos institucionais coas autoridades mexicanas, avaliando diferentes iniciativas; encabezará unha misión comercial con preto dunha vintena de empresas galegas vinculadas ao sector contract, centrado no equipamento de edificios, para reforzar o posicionamento das compañías galegas no país; e participará no acto do X aniversario da Unión Mexicana de Empresarios Galegos (Umegal).

Na axenda prevista para mañá atópase un encontro co embaixador de España en México, José Luis Fernández-Cid, no que, ademais do conselleiro, participarán as empresas do sector contract; así como unha visita á empresa da automoción Viza e unha xuntanza coa Asociación Mexicana da Industria Automotriz, na que estará acompañado do CTAG.

México xa é un importante aliado comercial para Galicia, e así, desde o ano 2000, triplicáronse as empresas galegas que exportan a este país (pasando de 166 que o facían no ano 2000 a un total de 536 que o fixeron no 2016). Ademais, nos oito primeiros meses deste ano, as exportacións a México desde a Comunidade medraron un 72% con respecto ao ano pasado (son 324,5 millóns de euros, cando entre xaneiro e agosto de 2016 foron preto de 188,5 millóns).

14 de novembro de 2017 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.