publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta rematará este ano as obras de acondicionamento das 10 estradas autonómicas afectadas polos incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NevesLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe o Concello das Neves, onde avanzou que as obras de acondicionamento das 10 estradas autonómicas afectadas polos incendios, todas na zona sur de Pontevedra, estarán rematadas antes de finais de ano tras o investimento de arredor de 700.000 euros.

No municipio das Neves os lumes afectaron a elementos funcionais de tres estradas autonómicas: a PO-415, a PO-402, que une Oleiros e Vilasobroso, a PO-400, que vai a Salvaterra a Filgueira, no concello de Crecente.

Os traballos estanse a centrar na poda e retirada das árbores queimadas das marxes; na reposición de sinais; na renovación das barreiras de protección e de vallas de cerramento; ou en actuacións para asegurar noiros e gabias.

Vázquez Mourelle explicou que estas actuacións enmárcanse no conxunto de medidas que a Xunta puxo en marcha para ofrecer unha resposta inmediata e dar apoio a todos os afectados polos incendios, a través de intervencións directas ou de ordes de axuda en diversos ámbitos, por importe de 21 millóns de euros.

Axudas para vivendas afectadas

A conselleira subliñou que no seu departamento tamén se habilitaron axudas para pagar o realoxo temporal daquelas familias que o necesitan mediante unha partida de máis de medio millón de euros. As persoas afectadas teñen de prazo ata finais de mes para presentar a súa solicitude para acollerse a estas axudas.

A Xunta tamén destinou máis de 2 millóns de euros para a recuperación das vivendas danadas, no caso das habituais, o importe poderá acadar o 100% do valor da reparación, chegando a preto de 100.000 €, e para as ocasionais, ascenderá a un máximo dun 40% do valor da reparación, 40.000 € aproximadamente.

No eido da vivenda, puxéronse a disposición subvencións de ata 3.000 euros para as construcións anexas á vivenda principal ou os bens domésticos afectados. Nestes casos, os interesados teñen de prazo ata o 30 de xaneiro para poder acollerse.

Ethel Vázquez convidou a todos os veciños que poidan estar nesta situación a que presenten as súas solicitudes e se acollan ás axudas para pagar o alugueiro do seu realoxo temporal ou para reparar a súa vivenda. Lembrou que teñen á súa disposición oficinas da Xunta nas que poden informarse máis polo miúdo das ordes abertas e recibir asesoramento para presentalas. Ademais, en virtude dun convenio asinado coa Xunta, os colexios de avogados están a prestar asesoramento gratuíto para a tramitación das autorizacións e licenzas necesarias ou para a petición das axudas previstas.

16 de novembro de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.