publicidade hoxe

A Xunta explora novas vías de negocio en México para as empresas do sector contract galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, iniciou hoxe a súa axenda institucional en México cunha xuntanza co embaixador, José Luis Fernández-Cid, na que tamén participaron preto dunha vintena de empresas galegas do sector contract ás que acompaña nunha misión comercial ao país.

Conde sinalou que o Goberno galego leva varios anos traballando en intensificar as relacións comerciais, tanto con México como con América Latina en xeral, onde asegurou que existen importantes posibilidades para o crecemento do noso tecido empresarial. Neste sentido, lembrou que o obxectivo principal da viaxe é explorar novas vías de negocio para as empresas galegas, e o contract é un dos sectores que presenta maiores perspectivas de crecemento neste momento.

Ao respecto, apuntou que o mercado do hábitat e do deseño está en pleno proceso de despegue en México. E tamén mencionou a puxanza do seu sector turístico e os futuros investimentos previstos para a vindeira década para ampliar e renovar as infraestruturas hoteleiras e comerciais da contorna. “Neste momento México supón unha oportunidade para o sector contract”, asegurou, e “Galicia quere estar presente”.

O sector contract galego confórmano hoxe en día preto de 100 empresas que xa teñen traballado en proxectos para cadeas de hoteis e diferentes firmas internacionais en máis de 90 países. O seu rexistro de exportacións a México acadou en 2016 un valor superior aos 10 millóns de euros.

México, dixo, “é un mercado consolidado para as empresas galegas e un aliado estratéxico para Galicia que abre moitas oportunidades para que as nosas empresas poidan gañar cota de mercado”. Concentra o 45% de todas as exportacións galegas a Latinoamérica; de feito, desde 2009, creceron un 70% as empresas que exportan a este país. De xaneiro a agosto deste ano, máis de 500 compañías venderon os seus produtos no mercado mexicano, un 4% máis que no mesmo período de 2016.

A finalidade desta misión comercial é deixar constancia do traballo que avala este sector, e da capacidade das empresas galegas para facer proxectos de deseño exclusivos e innovadores, con materiais de primeira calidade como a pedra ou madeira galega, e ofrecendo a maior flexibilidade na resposta ao cliente.

Apoiando a expansión internacional das empresas galegas

Durante esta viaxe, a delegación de empresas que o acompañan participarán en diversos encontros de networking en Ciudad de México, Mérida e Cancún, onde terán ocasión de afianzar novos contactos e oportunidades de negocio.

É unha das 27 accións comerciais Galicia-México programadas pola Xunta entre 2016 e 2018, con máis de 200 empresas galegas participantes. Abranguen 13 misións directas ao país, 6 misións inversas a Galicia e a asistencia a 8 eventos expositivos. Cara a outros países, cada ano a Xunta organiza máis de 150 accións promocionais agrupadas a 48 países, nas que participan máis de 450 empresas.

15 de novembro de 2017 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.