publicidade hoxe

A comunidade galega súmase ás políticas globais para a redución dos residuos plásticos no medio mariño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Beatriz Mato na xornada

Intervención de Beatriz Mato na xornada

Galicia súmase á política global para a redución dos residuos plásticos no medio mariño a través dunha análise sobre os efectos deste material no mar e nas especies mariñas, xa que o 60 por cento presenta algún tipo de resto de plástico no seu intestino. Así o manifestou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na inauguración dunha xornada técnica organizada en colaboración co Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, a Comisión Europea e a Consellería do Mar para abordar esta problemática desde unha perspectiva global e coordinada.

Nesta xornada participarán un total de oito expertos que ofrecerán unha visión especializada sobre a materia coa que se poderá enriquecer a futura Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2020 posta en marcha polo Goberno galego, que, segundo recordou a conselleira Beatriz Mato, contará cun apartado específico sobre a redución dos residuos plásticos. Esta iniciativa, que botou a andar o pasado mes de xuño coa creación de seis mesas de expertos que colaborarán no deseño desta estratexia desde un punto de vista multidisciplinar -unha delas sobre o medio mariño-, podería contar co primeiro borrado en maio do próximo ano.

É, dixo a conselleira, “unha situación que desde fai xa tempo figura na axenda das administracións e á que temos que poñer freo”. Neste senso, Beatriz Mato lembrou que o 80 por cento dos residuos plásticos no medio mariño proveñen de terra, mentres que o 20 restante teñen a súa orixe na actividade mariña. Por iso, avoga por “sermos máis activos no obxectivo persoal e común de redución destes residuos”.

Igualmente, explicou que, entre os residuos que chegan ao mar, o plástico é o máis abundante e o máis prexudicial, pois espállase facilmente no mar e é moi persistente. De aí, que os máis prexudicados polos plásticos no mar son os ecosistemas mariños e, por extensión, a pesca, unha actividade que supón o 2,1 por cento do PIB galego e un 3,2 do emprego.

Aposta pola Economía Circular

Así, en poucas décadas de uso intensivo deste material por parte do ser humano abondaron para xerar un grave problema global. “É hora de actuar”, dixo a conselleira. Por iso, desde o Goberno galego “somos conscientes de que o futuro pasa por converter os residuos en recursos, fomentando así a Economía circular baseada no principio das seis erres, isto é, rechazar, reducir, reutilizar, reparar, reciclar e responsabilidade”. Deste modo, engadiu a conselleira, “temos que mellorar no campo da reciclaxe, xa desde o deseño dos produtos, para o que hai que fomentar o I+D+i”.

Pola súa parte, indicou Beatriz Mato, a Consellería de Medio Ambiente está traballando na implantación da Economía circular a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático creada hai un ano e que en 2018 contará cun orzamento superior aos 20,8 millóns de euros.

23 de novembro de 2017 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.