publicidade hoxe

Cetmar reúne a pescadores, acuicultores, institucións e á administración pesqueira de Mozambique na busca de sinerxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Contribuír á loita contra a pobreza e á mellora das condicións de vida e da seguridade alimentaria das comunidades rurais e áreas costeiras da provincia de Cabo Delgado é o obxectivo xeral do proxecto que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR está a desenvolver en Mozambique con financiamento de Cooperación Galega.

Nese marco celebrarase mañá venres un seminario en Pemba que, organizado pola institución galega, pretende crear espazos de intercambio e diálogo entre administracións locais, provinciais e nacionais; administración pesqueira e sector.

A través de diferentes relatorios, durante a xornada analizarase a situación actual da pesca e da acuicultura en Cabo Delgado e as barreiras existentes, ao tempo que se proporán planos de seguimento e accións conxuntas dirixidas á mellora da produción actual.

Ademais, está previsto o deseño e implementación dun protocolo de actuación que posibilite a participación de todos os axentes implicados na toma de decisións, dirixidas sempre á xestión sustentable dos recursos acuícolas e pesqueiros desta provincia mozambicana.

Este seminario é unha das actividades do proxecto “Consolidación, reforzo institucional, liderado e gobernanza dos proxectos de Cooperación Galega en Mozambique, CRIL”, que a Fundación CETMAR vén desenvolvendo ao longo deste ano con financiamento da Xunta de Galicia.

Para o desenvolvemento desta acción, os técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar traballan de forma conxunta coa Dirección Provincial do Ministerio do Mar, Augas Interiores e das Pescas (DPMAIP) de Cabo Delgado, unha colaboración que se prolonga desde 2008 e que xa se traduciu en diferentes proxectos de acuicultura rural e de reforzo da capacidade técnica da investigación pesqueira e acuícola de Mozambique.

26 de outubro de 2017 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.