publicidade hoxe

Agadic e sete produtoras participan no MIPCOM de Cannes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e sete produtoras audiovisuais conforman a delegación de ‘Films from Galicia’ na 28ª edición do mercado MIPCOM, que remata hoxe na cidade francesa de Cannes. O evento, considerado a meirande feira mundial para a compra-venda de contidos audiovisuais de entretemento, marca tamén o inicio da promoción internacional da segunda edición Conecta FICTION, evento promovido pola Xunta que terá lugar do 18 ao 21 de xuño de 2018, de novo con sede na Cidade da Cultura de Galicia e noutros espazos de Santiago.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, esta misión comercial no MIPCOM enmárcase no programa de internacionalización da industria audiovisual que a Agadic desenvolve xunto ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Dentro desta mesma liña de difusión, este ano Galicia contou con representación nas feiras MIPTV e Marché du Film de Cannes, European Film Market de Berlín e no Festival International du Court Métrage de Clermont-Ferrand.

Proxectos galegos con coprodución internacional

Como parte da delegación ao MIPCOM, as empresas CTV, Ficción Producciones, Maruxiña Films Company, Pine Tree Audiovisual Content, Portocabo, Tamboura Films e Zenit TV viaxan a Cannes na procura de compradores e socios internacionais para as súas producións televisivas, principalmente series e tv-movies. É o caso de Hierro, proposta de coprodución entre Portocabo e a francesa Atlantique para Movistar+ e Arte, que foi recoñecida como mellor proxecto do ano na primeira edición do Drama Series Day-CoPro Series da Berlinale.

En Cannes, Portocabo está a promover outras dúas series realizadas en coprodución: Os fillos do sol, xunto á empresa catalá Diagonal TV para Televisión de Galicia e Televisió de Catalunya, e Vidago Palace, producida entre TVG e a RTP de Portugal a partir do proxecto de Portocabo e a portuguesa HOP Filmes. Este último comezou a tomar forma a raíz da participación de ambas as empresas no I Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, organizado en 2015 pola Agadic e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) dentro do festival OUFF de Ourense.

Títulos subvencionados

Os fillos do sol e Vidago Palace son títulos subvencionados pola Xunta mediante o programa de axudas públicas da Agadic á produción e coprodución audiovisual. Como tamén o é a serie de animación Tutu, estreada na canle Clan TV de RTVE e que forma parte do catálogo co que Ficción Producciónes se presenta este ano no MIPCOM. A empresa compostelá promove, así mesmo, Una casa en amargura, proxecto polo que obtivo un contrato de desenvolvemento por parte de RTVE a raíz da súa selección para os pitchings internacionais da primeira edición de Conecta FICTION.

O MIPCOM é, precisamente, o escenario do arranque das presentacións profesionais do segundo Conecta FICTION, que volverá contar coa Xunta no liderado dun equipo de traballo con Inside Content na produción. A directora do evento, Geraldine Gonard, avanzou en Cannes algúns dos eixos arredor dos que se está a preparar a próxima cita deste encontro dedicado á coprodución de ficción televisiva (series e miniseries) entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos. A recepción tivo lugar dentro do acto promocional da industria audiovisual de Galicia organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag) no stand da Fundación Media no Palais des Festivals de Cannes. Para esta presentación, o Clag contou co apoio da Xunta, a través do Igape e da Agadic.

A promoción internacional de Conceta FICTION continuará este mesmo mes de outubro no Mercado Internazionale Audiovisivo (MIA) de Roma e no festival SerienCamp de Múnic.

Difusión de Films from Galicia

Moitas das producións galegas que buscan socios en Cannes figuran na última edición do catálogo Films from Galicia, que a Agadic difunde desde o espazo dedicado ao sector galego dentro do pavillón Audiovisual from Spain, promovido polo ICEX España Importación e Inversiones.

Ademais de dispoñer deste recinto para a promoción e a celebración de xuntanzas de traballo, os representantes das empresas galegas reciben tamén apoio económico para financiar parte dos gastos de viaxe, aloxamento e inscrición no evento.

19 de outubro de 2017 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.