publicidade hoxe

A Xunta pon en contacto á mocidade con iniciativas empresariais de éxito para promover o emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, asistiu hoxe á sesión de apertura do proxecto GalemLab promovido pola Asociación Ingalicia dentro do programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social. Esta proposta celebrase na Escola Europea de Negocios da Coruña ata o vindeiro venres e ten como finalidade reunir durante cinco días a mozos e mozas que teñan interese en coñecer ferramentas e metodoloxías de éxito no mundo do emprendemento.

O proxecto GalemLab ofrece a posibilidade de coñecer persoas con intereses similares, así como compartir experiencias con empresarios e empresarias galegos que os van achegar ao mundo empresarial galego máis innovador, sostible e responsable. Os participantes traballarán durante toda a semana no desenvolvemento dunha idea empresarial que teña que ver con innovación social, economía circular e a economía colaborativa. Pola súa parte, os empresarios participantes contarán as súas experiencias persoais e serán entrevistados polos mozos e mozas, que así poderán contar con información útil á hora de ir deseñando a súa idea empresarial.

Asemade, como colofón do evento se presentarán as ideas empresariais xurdidas a un xurado que as valorará, premiando a máis significativa en canto a calidade e impacto en termos de aprendizaxe, networking, reforzo de capacidades, etc.

Iniciativa Xove trata de apoiar proxectos innovadores coma este, facilitando ferramentas para que a xuventude galega comparta inquedanzas, poida traballar en equipo como clave de éxito, mellore as súas competencias e capacidades e poida poñer en practica as súas ideas.

2 de outubro de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.