publicidade hoxe

A Xunta abre novas posibilidades para o desenvolvemento da cooperación xuvenil entre Galicia e Rusia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
José Manuel Rey Varela en Rusia

José Manuel Rey Varela en Rusia

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na cidade de Sochi, situada na rexión rusa de Knasnodar, nun encontro mundial de mozos e estudantes. O evento ofrece aos asistentes a posibilidade de asistir a tres programacións distintas. A primeira de debates, na que se abordan cuestións como os novos negocios e o emprendemento na era dixital, os medios de comunicación no século XXI ou a innovación na educación; a segunda centrada na cultura, co desenvolvemento de clases maxistrais en fotografía e literatura; e unha terceira programación deportiva na que organizan partidos de fútbol, baloncesto e outras disciplinas para os mozos e mozas participantes.

Neste sentido, o titular do departamento autonómico de Política Social asinou un memorando de comprensión co Consello Nacional da Xuventude de Rusia, entidade que aglutina a asociacións non gobernamentais da federación e cuxo presidente é Grigory Petushkov. “A finalidade deste acordo é traballar conxuntamente para propiciar o desenvolvemento de formas de cooperación entre as organizacións xuvenís de Rusia e as de Galicia”, sinalou Rey Varela.

De feito, o memorando fai fincapé en tres áreas de actuación: a inclusión social dos mozos e mozas, o diálogo intercultural e a diversidade cultural, e a cooperación multilateral e multisectorial. Así, a Consellería de Política Social e o Consello Nacional da Xuventude de Rusia comprométense a impulsar toda unha serie de accións, entre outras: programas de voluntariado xuvenil entre Galicia e Rusia, a difundir información de interese para a mocidade, a fomentar a participación de líderes xuvenís en seminarios internacionais, simposios e conferencias.

Así mesmo, o acordo asinado tamén subliña a importancia de estimular o intercambio entre culturas a través da divulgación da cultura e das tradicións dos dous países; propiciar o desenvolvemento da cooperación xuvenil internacional entre as asociacións xuvenís, estudantes e novos empresarios; promover programa de intercambio entre expertos; ampliar as relacións humanitarias, empresariais e culturais, favorecer o intercambio de publicacións e información sobre a política xuvenil; e impulsar o turismo xuvenil.

Por último, o memorando establece que para a organización e operación de proxectos conxuntos a Consellería e o Consello Nacional da Xuventude de Rusia elaboraran un plan anual de programas xuvenís que teñen lugar tanto en Galicia como en Rusia, co gallo de que sexan propostos á mocidade para participar.

19 de outubro de 2017 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.