publicidade hoxe

A Consellería de Cultura actúa no Castro de Vilar en Folgoso do Courel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do CourelLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación , a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, promove os traballos de limpeza e roza do Castro de Vilar, no concello lucense de Folgoso do Courel. Mañá está previsto que comece este labor, encadrado dentro do programa de actuacións arqueolóxicas destinado á documentación, conservación e protección dos xacementos arqueolóxicos máis significativos da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita actuación ten un importe de 10.164 euros e un prazo de execución de tres semanas.

O Castro de Vilar é un ben catalogado e recollido nas Normas Subsidiarias Provinciais. Localízase ao carón da aldea homónima, na parroquia de San Vicente de Vilamor. O xacemento sitúase nun eido alongado orientado en dirección norte-sur que conforma un meandro do río Lor, en terreos que son propiedade da Comunidade de Montes de Vilar, a cal puxo a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ditos terreos para acometer esta actuación arqueolóxica.

Limpeza, diagnose e divulgación

A actuación, en concreto, ten por obxecto levar a cabo unha limpeza e roza da vexetación existente no xacemento, englobando unha superficie de actuación de aproximadamente uns 10.000 metros cadrados. Ditos traballos serán realizados con ferramenta manual e maquinaria adecuada, nunca de tipo pesado, principalmente rozadoiras mecánicas de man, valorando as condicións de cada zona para non alterar ningún aspecto do xacemento e sempre baixo control e seguimento arqueolóxico. Nesta actuación respectáranse as especies arbóreas autóctonas como castiñeiros, carballos, acivros etc., sempre e cando non afecten gravemente ás estruturas arqueolóxicas. Os residuos resultantes desta actuación serán retirados e trasladados fóra do xacemento arqueolóxico cumprindo a normativa vixente.

Como complemento á limpeza, levarase a cabo unha diagnose do estado actual de conservación do xacemento arqueolóxico por parte dun restaurador-conservador coa finalidade de servir de base a futuras accións de restauración e consolidación das estruturas arqueolóxicas e de mellora e acondicionamento do percorrido de visita. Por último, levarase a cabo unha divulgación dos traballos realizados, explicando os valores propios do xacemento arqueolóxico á cidadanía mediante unha presentación e visita ao Castro de Vilar que se coordinará co Concello de Folgoso do Courel.

Solucionar as deficiencias

Sobre este macizo rochoso de lousa, a 550 metros de altitude, dominando o río e o val construíuse este poboado fortificado relacionado directamente coa actividade mineira na época galaico-romana. Na actualidade son visibles os restos do seu sistema defensivo composto de varios fosos e murallas, así como dunha decena de vivendas fundamentalmente circulares e construídas a base de laxes de lousa.

A razón desta actuación ven determinada polo deficiente estado de conservación do Castro de Vilar, onde, tanto o seu sistema defensivo de fosos e murallas, como as vivendas que se conservan se atopan ocultas ou semiocultas polo crecemento da vexetación, principalmente xestas e carqueixas, o que contribúe ao deterioro dos restos arqueolóxicos e impide a súa visita e comprensión por parte da cidadanía en xeral. Cómpre ter en conta que a última campaña realizada neste xacemento arqueolóxico data dos anos 1977-1979 e a súa última limpeza foi autorizada no ano 1992.

3 de outubro de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.