publicidade hoxe

A Xunta inviste 25.000 euros en diferentes traballos de acondicionamento e mantemento dos xulgados de Corcubión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCorcubiónLocal Portada
A-
A+

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de completar dúas obras nos xulgados de Corcubión, dentro do programa de mellora e mantemento das dependencias xudiciais da provincia da Coruña. Segundo deu a coñecer o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, os traballos consistiron por unha banda na substitución do equipo de climatización e por outra, a renovación da pintura das diferentes dependencias do edificio. O investimento global desta actuación, que onte visitou Rodeiro rolda os 25.000 euros.

As dúas intervencións no edificio xudicial de Corcubión forman parte da programación de obras menores, que na provincia da Coruña supoñen un investimento de preto de 107.000 euros repartidas nunha ducia de actuacións en diferentes inmobles e oficinas. No caso de Corcubión, as intervencións xa rematadas dan resposta ás demandas dos traballadores e solucionan problemas que afectaban tanto aos funcionarios como aos usuarios das dependencias. O delegado estivo acompañado polo alcalde, Manuel Ínsua.

Ovidio Rodeiro agradeceu aos traballadores a súa paciencia e comprensión. “As necesidades ás veces están por riba das posibilidades das administracións, pero o compromiso da Xunta é seguir avanzando na modernización e mellora das instalacións”, sinalou. O delegado interesouse polas condicións que ofrece o edificio, no que o Concello mantén varias vivendas sociais que presentan deficiencias e afectan ao conxunto do inmoble. Ovidio Rodeiro puxo a disposición do alcalde os servizos territoriais da delegación para asesorar ao Concello na procura de posibles solucións ao problema.

21 de setembro de 2017 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.