Tordoia recibe dous traxes e unha pértega para a loita contra a vespa velutina
A Consellería do Medio Rural fixo entrega dunha pértega de 27 metros e de dous equipos de protección individual para a loita contra a vespa velutina ao concello de Tordoia. É a primeira vez que se lle facilita material a este municipio coruñés, que se adhire ao plan como concello colaborador.
Así pois, o número de pértegas que se van repartir durante este ano polo territorio galego para os municipios colaboradores co plan de vixilancia e control da vespa velutina ascende a 42, ademais de 5.700 trampas e doses de líquido atraente aos apicultores, que complementan as 5.100 distribuídas entre eles nos anos 2015 e 2016.
Este plan, elaborado por Medio Rural, integra tamén un centenar de concellos, asociacións apícolas, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través dos grupos de emerxencia supramunicipais e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
A Xunta lembra que o insecto invasor non é máis perigoso que a vespa común autóctona, polo que pide que non se creen alarmas sociais innecesarias. Tamén expón que á hora de localizar un niño o mellor é non achegarse e comunicalo aos especialistas chamando ao número de teléfono 012.