publicidade hoxe

O musical “Keltia” chega á provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaOurenseRibadavia
A-
A+
Presentación do musical "Keltia"

Presentación do musical “Keltia”

O musical “Keltia” estrearase por primeira vez na provincia de Ourense, da man da Deputación de Ourense, o vindeiro día 25 de agosto, completando a programación da XXIX edición da “Festa da Istoria” de Ribadavia. A presentación desta actuación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; os protagonistas do musical, Bruxo Queiman e Andrea Pousa; e o presidente da Asociación coordinadora da Festa da Istoria de Ribadavia, Miguel García.

O deputado provincial de Cultura sinalou que a Deputación de Ourense, “na súa labor de achegar a cultura aos municipios da nosa provincia, trae esta espectáculo musical de referencia a nivel nacional, a un dos lugares máis emblemáticos da nosa provincia, o Castelo de Ribadavia”.

Pola súa parte, Miguel García, quen agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense coa “Festa da Istoria”, lembrou que este musical supón “un atractivo máis para a nosa festa, mesturando música en directo, canto, teatro, danza e lume, cun gran elenco de artistas que actuarán, ás 00.00 horas, na fachada do Castelo da vila”.

Andrea Pousa explicou que é “o terceiro ano consecutivo que estamos a facer a xira deste musical e, por primeira vez, estamos na provincia de Ourense, por elo queremos agradecer á Deputación de Ourense que nos deu o privilexio de estar nesta provincia”.

O espectáculo, cunha duración aproximada de 90 minutos, conta cun elenco de 40 artistas que trasladarán ao público a aquela época na que “tres deusas irlandesas, que axudarán aos netos de Breogán á conquista de Irlanda, viaxan a Galicia onde se namoran dela pola súa gastronomía, pola súa historia e rematan namorándose duns príncipes celtas”, explicou Andrea Pousa.

Nese mesmo senso, Bruxo Queiman dixo que o musical “entra na historia de Galicia e, nesta ocasión, queremos personalizar Keltia, no marco da XXIX edición da “Festa da Istoria”, enxalzando o patrimonio da vila”. Asemade, Bruxo Queiman animou aos turistas a “que coñezan a través do musical Keltia a historia de Galicia e coñezan a nosa identidade”.

24 de agosto de 2017 | 14:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.