publicidade hoxe

Máis de 1.300 desempregados ampliarán as súas expectativas laborais cos cursos de formación da área de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita ás instalación da Fundación

Ovidio Rodeiro na visita ás instalación da Fundación

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe as novas instalacións da Fundación Laboral da Construción en Galicia, onde a partir de setembro se van impartir seis cursos de formación AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados) relacionados con instalacións e operacións en edificios.

Na comarca de Santiago impartiranse un total de 90 cursos AFD tanto este ano como o próximo, nos que poderán participar máis de 1.300 persoas que sumarán 5.222 horas de formación, e que ao seu remate recibirán os correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España. Estas accións teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como Concellos e entidades sen ánimo de lucro. Por municipios, os cursos AFD da área de Compostela terán lugar en Ames, Arzúa, Melide, Negreira, Ordes, Padrón, Santa Comba, Santiago e Teo.

Ovidio Rodeiro sinalou que a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá na área de Santiago preto de 5,1 millóns de euros, dos que 3,8 corresponden á anualidade de 2017 e 1,3 son da anualidade 2018. No global da Comunidade, a Xunta ampliou en 15,1 millóns de euros a contía destas axudas, preto dun 40% con respecto á previsión inicial e un 70,6% con respecto ao investido en 2016.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é por primeira vez plurianual (2017-2018), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.

Acorde coa demanda

Así mesmo, este ano dáse máis relevancia ás especialidades con maiores índices de inserción laboral. Este criterio xa se viña aplicando pero agora terá un maior peso na valoración. Así, ademais das accións con maior demanda e inserción laboral, outorgouse máis puntuación aos cursos relacionados coa Industria 4.0 e os que se vinculan coas competencias de idiomas, ofimática, tecnoloxías da información e comunicación, coñecementos financeiros, xurídicos e do funcionamento das administracións públicas.

As accións formativas que se inclúen nesta programación diríxense con carácter preferente a persoas desempregadas que sexan mulleres -especialmente vítimas da violencia de xénero-, parados de longa duración, menores de 30, persoas con discapacidade, que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais. Permítese tamén a participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas sempre e cando as prazas non sexan cubertas por desempregados.

Tamén, como mellora, o Goberno galego reserva unha parte da programación para a formación en competencias clave que é a dirixida a aquelas persoas sen estudos básicos. Desta forma, ao redor do 15% da oferta global dos cursos irá dirixida a este colectivo.

Na actualidade estes cursos contan en xeral cunha media de inserción laboral do 56% e un 64% dos participantes soen atopar un traballo nos primeiros seis meses de rematar o curso. En ocasións, ademais, teñen a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas, galegas, o que lles permite adquirir novas habilidades e mellorar o seu perfil profesional.

10 de agosto de 2017 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.