publicidade hoxe

Este venres abre a solicitude das 185 prazas só para lucenses do VI Volante Deputación que optarán ao Rally San Froilán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugo
A-
A+

Mañá, venres 1 de setembro, abre a solicitude das 185 prazas do VI Volante Deputación, dirixido só a lucenses de entre 18 a 35 anos, que recibirán, de xeito totalmente gratuíto, cursos de formación técnica e condución segura no eido da competición automobilística, no circuíto da Pastoriza o fin de semana do 16 e 17 de agosto. Ao remate do proceso formativo, celebraranse probas cronometradas. O gañador poderá participar de balde no Rally San Froilán. Todo isto grazas á iniciativa do Goberno Provincial, que achega 17.000 euros á celebración desta nova edición do Volante Deputación a través da Escuela PTC da Pastoriza.

As inscricións permanecerán abertas dende mañá ás ás 9:00 horas, ata o mércores 13 de setembro ás 24:00 horas. Os interesados en participar nesta sexta edición do Volante Deputación deberán cubrir un formulario que se poderá descargar da web www.ptcescuela.com e, a continuación, terán que enviar a súa solicitude ao correo electrónico piloto@ptcescuela.com. A selección dos participantes, todos eles lucenses de entre 18 e 35 anos, farase por estrito orde de entrada das solicitudes ata cubrir as 185 prazas existentes.

O organismo provincial puxo en marcha no ano 2012, en colaboración co Concello da Pastoriza e a Escuela de Perfeccionamiento y Técnicas de Conducción (Escuela PTC), esta iniciativa na que, ademais do compoñente formativo, destaca a oportunidade que se lle brinda aos participantes de competir por unha praza no Rally San Froilán, xa que o gañador disputará esta proba de xeito totalmente gratuíto, dentro do equipo de competición PTC Escuela.

Como novidade este ano, o Volante Deputación homenaxeará a Antonio Pérez Montecelo, director de carreira da Escudaría Miño e presidente do Club Tríatlon Cidade de Lugo, que faleceu o pasado mes de xaneiro.

Programa

Os días 16 e 17 de setembro os asistentes, despois de recibir formación en técnicas de condución, pasarán un proceso de selección cronometrado, do que resultarán elixidos 14 semifinalistas que continuarán con formación específica para afrontar unha segunda proba cronometrada, que determinará quen son os tres mellores. Destes, o mellor tempo (primeiro clasificado) será o piloto titular para participar no 39 Rally San Froilán, quedando os outros dous clasificados como pilotos suplentes.

O tres recibirán antes da celebración de dita proba unha formación específica de competición, para que tanto o titular como os suplentes poidan afrontar a proba con todas as garantías. Esta formación divídese en varios apartados con cursos no circuíto, formación en toma de notas, test na estrada, etcétera.

Rematado todo este proceso, o piloto titular e o copiloto participarán dentro da estrutura do equipo de competición de PTC Escuela no Rally San Froilán aos mandos dun Suzuki Swift Sport, con todos os gastos pagos, realizando test do vehículo de competición, adestramentos da proba e o propio rallye.

31 de agosto de 2017 | 14:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.