publicidade hoxe

A Xunta insta á Deputación de Pontevedra a asumir as competencias que lle corresponden en emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, instaron hoxe á Deputación de Pontevedra a que asuma as competencias en emerxencias que lle corresponden segundo a Lei de bases de réxime local e a Lei de emerxencias de Galicia.

Nunha rolda de prensa, precisaron que, segundo a normativa vixente, a competencia na prevención e extinción de incendios dos municipios de menos de 20.000 habitantes é única e exclusiva das deputacións, un punto que tamén se recoñece expresamente no informe que as institucións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra fixeron chegar á Xunta para abordar o cambio de modelo de xestión dos parques de bombeiros.

Con todo, a pesares de non ser unha competencia da Xunta -que é a encargada de coordinar os medios-, o Goberno galego mantén un compromiso inequívoco coa xestión de emerxencias. Así, nos últimos tres anos, a Xunta ten investido máis de 8,5 millóns en materia de emerxencias na provincia de Pontevedra.

Xa no que se refire ao cambio de modelo de xestión dos parques comarcais proposto polas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, Menor insistiu en que a Xunta non porá obxeccións sempre que non supoña un maior gasto para a cidadanía e que se garantan os dereitos dos traballadores do servizo.

Reiterou que o ofrecemento de acordo segue en pé e que, dado que se quere cambiar o modelo, o primeiro e prioritario debe ser abordar esa modificación para tratar despois todas aquelas melloras que sexan precisas.

Sen embargo, segundo o comunicado recentemente pola Deputación de Pontevedra, agora o prioritario para a institución provincial é a modificación do novo mapa de emerxencias. Neste caso, a Xunta mostrou a súa vontade de diálogo, pero instou á Deputación, competente na materia, a facer os estudos necesarios e presentar as propostas para acometer esta reforma.

1 de agosto de 2017 | 14:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.