publicidade hoxe

A Xunta financiará con 1,3 millóns de euros a recuperación de vivendas nas ARI de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A Xunta financiará con 1,3 millóns de euros a recuperación de vivendas nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) no Concello de Vigo. Desta cifra, 938.736 euros son achegados polo Ministerio de Fomento e 378.620,09 polo Goberno galego. Nesta mesma área territorial, o Concello de Cangas recibirá unha aportación de 122.123,36 euros.

Sobre estas partidas informou hoxe en rolda de prensa o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen destacou a forte aposta da Administración autonómica pola recuperación de zonas en avanzado deterioro. “Estes fondos son un exemplo máis do compromiso do Goberno galego coa rehabilitación dos cascos históricos e zonas onde se require a actuación inmediata das administracións”, salientou.

Neste senso, recordou que a estas axudas a fondo perdido e de ata un 40 por cento que no caso de Vigo comprenden catro áreas de actuación (Casco Vello, Bouzas, as rúas Bueu e Moaña de Coia e o grupo de casas de Santa Clara en Cabral) súmanse as intervencións do Consorcio do Casco Vello de Vigo. Este organismo, participado nun 90 por cento pola Xunta e nun 10 por cento polo Concello, adquiriu e rehabilitou nos últimos 12 anos 68 inmobles situados dentro dos límites do seu ámbito de actuación, fixados polo PEPRI, cunha inversión que supera os 45 millóns de euros.

A nivel autonómico, a Xunta financiará con preto de 10,5 millóns de euros a recuperación dunhas 1.300 vivendas nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) de 34 concellos galegos, que agora deberán informar á Xunta sobre as actuacións previstas, presentando a documentación acreditativa, aspecto no que incidiu López-Chaves. No caso de concellos que dispoñen de máis dunha ARI declarada no seu ámbito, como é o caso de Vigo, será a propia administración municipal a encargada de realizar a distribución dos fondos entre as mesmas. Ademais os concellos deberán regular os prazos para a presentación de solicitudes por parte dos propietarios de vivendas interesados na súa rehabilitación.

Os beneficiarios finais dos fondos serán os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazados no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral, que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións que realicen. Tamén se poderán beneficiar das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI. Ademais, a Xunta, con fondos propios, financia as oficinas de rehabilitación municipais.

Actualmente existen 69 Áreas de Rehabilitación Integral declaradas en 41 concellos de toda Galicia, dos que 34 solicitaron participar no reparto de fondos, destacando a ausencia entre eles do Concello de Lugo, que é a única das sete grandes cidades galegas que non presentou solicitude de fondos para actuacións nas súas ARI.

7 de agosto de 2017 | 14:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.