publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta estabiliza tres noiros de Ribeira no río Tállara con técnicas de bioenxeñería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLousame
A-
A+

Augas de Galicia aplicou técnicas de bioenxeñería para a estabilización de tres noiros de ribeira no río Tállara ao seu paso polo Concello de Lousame. O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá -acompañados pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde- o resultado dos traballos de conservación fluvial executados no mes de xullo no río Tállara ao seu paso por este municipio.

Os labores, que supuxeron un investimento de preto de 35.000 euros, consistiron na estabilización puntual de tres noiros de ribeira ao longo de preto dun quilómetro de lonxitude con técnicas de bioenxeñería. Esta solución adoptada consistiu na creación de dúas empalizadas de rolos de madeira, que se reencheron de terra vexetal onde se plantaron brotes de salgueiros. O terceiro terraplén foi asegurado mediante o enfaixado de biorolos de fibra de coco que ofrece gran funcionalidade ecolóxica, xa que ademais da resistencia física esta solución tamén aporta retención de humidade que facilita a cobertura vexetal.

O director de Augas de Galicia indicou que a execución destes traballos responde á necesidade de mantemento destes terrapléns, que se viron afectados polas avenidas sufridas durante os últimos invernos. Os traballos tamén incluíron tarefas de limpeza e de conservación, que consistiron na retirada de material e restos vexetais depositados no leito do río, co fin de evitar atrancos e episodios de asolagamentos.

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que actuacións como esta “axudan a preservar os ríos como a fonte de biodiversidade máis importante do territorio” e agradeceu a colaboración do concello de Lousame nesta actuación, xa que “para acadar mellores resultados é imprescindible a coordinación entre diferentes administracións, como foi este o caso”.

2 de agosto de 2017 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.