publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo inviste 6.000 euros na promoción do pemento de Mougán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaGuntínLocal PortadaLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o Alcalde de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro, presentaron este mércores na carballeira de Meixaboi a XVI edición da Festa do Pemento de Mougán, que terá lugar o 26 e 27 de agosto. O Goberno Provincial colabora co Concello na organización desta cita, cunha achega de 6.000 euros. Faino para contribuír á promoción deste produto autóctono, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida. De feito, o Executivo da Deputación tamén colabora coa Asociación de Produtores do Pemento de Mougán mediante outras axudas económicas que facilitan a súa actividade.

García Porto explicou que o Goberno da Deputación contribúe á promoción do pemento de Mougán no marco do seu Plan Estratéxico de Turismo da provincia, que define a promoción dos produtos autóctonos dos Concellos lugueses, como un factor de singularidade turística, capaz de atraer visitantes e xerar riqueza na provincia.

“A Festa do Pemento de Mougán é unha boa oportunidade para por en valor a riqueza gastronómica da nosa provincia, a súa variedade e calidade. Agardamos que, como en anteriores edicións, sexan ducias e ducias as persoas que degusten os pementos únicos da terra de Guntín, que, grazas ao esforzo dos seus produtores, contan co distintivo comunitario e están inscritos no Rexistro Comunitario de Denominacións de Orixe Protexida e Indicacións Xeográficas Protexidas”, subliñou a Deputada.

Programa

A XVI Festa do Pemento de Mougán arrancará o sábado 26 de agosto, a partires das 12:00 horas, coa actuación da banda municipal. Ás 13:30 será a lectura do pregón a cargo de José Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta, que hoxe asistiu á presentación. Logo será o momento da degustación gratuíta. Ao longo da tarde, haberá música a cargo da Charanga Malo Será e o grupo de acordeóns Gigantes, ademais da actuación do mago Romarín e dun campeonato de tute. Pola noite, estará a cantante do Incio Lucía Pérez e a orquestra Gran Pirámide. O domingo 27 tamén haberá xantar e actuacións musicais.

Un produto de primeira calidade

O pemento de Mougán conta co selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) dende o ano 2014. A súa zona xeográfica tradicional de produción e elaboración é, precisamente, o nome da parroquia de Mougán, no Concello de Guntín. Unha característica que os diferenza dos pemento de Ourense e de Padrón é o feito de que cando nacen estes fano cara arriba, ao contrario que os dos seus homólogos galegos.

16 de agosto de 2017 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.