publicidade hoxe

O tecido asociativo posibilita a sinatura dos 166 convenios de patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugo
A-
A+
Marta Míguez na sinatura dos convenios

Marta Míguez na sinatura dos convenios

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e mais o director de zona de Abanca en Lugo, Óscar Salgado, asinou na tarde de hoxe os convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia. O Plan de patrocinio, que para esta tempada contará cun orzamento global de 2.420.000 euros, está financiado pola Fundación Deporte Galego (1.694.000 euros) e por Abanca (726.000 euros) e beneficiará a un total de 166 equipos galegos o que representa un incremento de case o 26% con respecto ao ano anterior, cando foron 132 os equipos beneficiados, e do 86,5% respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados.

Neste sentido, Marta Míguez, valorou concretamente “o incremento do número de equipos femininos patrocinados: 28 equipos na tempada 2008-2009, 54 o exercicio pasado e 69 na actual campaña”. “Porque dalgún xeito ten que verse reflictido que cada ano somos máis as mulleres que practicamos deporte, ben sexa federado ou non”, engadiu. Para a máxima responsable do deporte galego, estes 166 convenios representan “o traballo ben feito de todas aquelas entidades que prestan un servizo fundamental para a nosa sociedade: a accesibilidade ao deporte e á competición deportiva”.

A secretaria xeral manifestou que “a Xunta de Galicia debe ser ese defensor e protector da práctica deportiva, como o é da cultura ou da educación” xa que “o patrimonio deportivo de Galicia vai en aumento e achega á sociedade uns valores fundamentais ligados a un estilo de vida saudable”. “Ese é o noso papel como patrocinadores do deporte de Galicia: continuar apostando cada ano con máis forza pola vida deportiva e os valores deportivos necesarios para o conxunto da sociedade como son o esforzo, o traballo en equipo, o respecto ao adversario a ás normas ou mesmo á vida saudable”, apuntou.

En termos absolutos, desde que o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia botou a andar na tempada 2009-2010 a Xunta leva consignados a este aspecto uns 17,4 millóns de euros. Unha cantidade, dixo a secretaria xeral, “que sería inalcanzable se non contásemos co apoio de Abanca” a quen agradeceu “o seu esforzo e a súa aposta decidida polo deporte galego”.

Ao fío desta idea, a secretaria xeral identificou o Plan de patrocinios como “un excelente negocio” xa que apostar polos deportistas galegos “é apostar sobre seguro”. Así, Marta Míguez fixo un chamamento a todas aquelas entidades privadas para que, como Abanca, “se sumen a este compromiso que beneficiará, sen excepción, a todos os habitantes de Galicia”.

28 de xullo de 2017 | 14:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.