publicidade hoxe

O equipo comarcal de inclusión sociolaboral en Marín insertou a 83 persoas no mercado laboral durante o ano 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá as instalacións do equipo comarcal de inclusión sociolaboral do ente da Consellería de Política Social na localidade pontevedresa de Marín. Un recurso que logrou insertar ao longo de 2016 a 83 persoas no mercado laboral, incluíndo os postos de traballo protexidos, nomeadamente nos sectores da hostelaría, o comercio, os servizos ás persoas e a industria.

O equipo comarcal de inclusión sociolaboral que xestiona o Consorcio en Marín, e que estende a súa area de influencia aos concellos de Cangas, Moaña, Bueu, Vilaboa, Poio, Barro, Campolameiro, Cotobade, A Lama e Pontecaldelas, rexistra na actualidade 433 participantes -persoas que acceden ao servizo maioritariamente dende os servizos comunitarios básicos dos 11 concellos que cobre- e proporcionou formación ocupacional a 50 persoas (34 mulleres e 16 homes) durante o ano pasado.

O Consorcio conta na actualidade con 18 equipos comarcais de inclusión sociolaboral que dan cobertura a todo o territorio galego, aos que se suma o que opera no módulo Nelson Mandela do centro penitenciario de Teixeiro, cun total de 59 técnicos desenvolvendo neles o seu traballo. No ano 2016 conseguiron insertar no mercado de traballo a 1336 persoas, proporcionaron formación ocupacional a 1112, tramitaron 259 ofertas de emprego e facilitaron a realización de prácticas formativas a 11 persoas nas 5 empresas colaboradoras con ese programa.

Os equipos de inclusión sociolaboral do Consorcio operan no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, deseñada pola Xunta de Galicia en colaboración co Fondo Social Europeo, ofrecendo ás persoas en situación ou risco de exclusión un conxunto de actuacións e intervencións no ámbito das competencias sociolaborais, ao tempo que deseñan itinerarios personalizados para lograr a inserción, despois de analizar a situación de cada usuario, pero sempre dende unha visión multidisciplinar e coordinada cos servizos sociais de cada concello.

10 de xullo de 2017 | 14:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.