publicidade hoxe

González Formoso presenta en Negreira a nova versión da EIEL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNegreira
A-
A+

Un total de 260,6 quilómetros de estradas atravesan Negreira, Brión conta con 34 instalacións deportivas, en Ames hai un total de 16.135 vivendas das cales 3.745 están desocupadas e no concello de A Baña se sitúan 12 centros cívicos e unha biblioteca. Son algúns exemplos dos datos que xa están dispoñibles a través da web da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL).

As novidades desta nova versión da enquisa, que constitúe o repertorio máis completo das infraestruturas e servizos locais dos concellos da provincia, foron presentadas hoxe en Negreira polo presidente provincial, Valentín González Formoso, aos representantes municipais da comarca de Santiago.

Valentín González Formoso definiu a EIEL coma unha “completa radiografía dos equipamentos dos concellos de menos de 50.000 habitantes” e destacou o seu “especial interese e utilidade” para os alcaldes, posto que pon a disposición multitude de datos útiles “para o deseño das políticas e a planificación de obras e investimentos tanto dos concellos como da propia Deputación”.
Formoso anunciou que a sétima actualización da enquisa, na que a Deputación está traballando en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), estará completada este verán e “catalogará un extenso inventario de máis de 4,5 millóns de datos”.

No apartado técnico, os encargados de explicar aos alcaldes as novidades da actualización da EIEL foron os responsables dos laboratorios de investigación de enxeñería, bases de datos e estudos territoriais da Universidade da Coruña, así como o xefe da sección de Asistencia Técnica a Municipios da Deputación, Pedro González.

A Deputación da Coruña, pioneira en facilitar o acceso público aos datos

Os responsables técnicos da UDC explicaron a complexidade da elaboración da EIEL debido á importante dispersión xeográfica e subliñaron que a Deputación da Coruña foi a primeira de España en adaptar esta inxente base de datos a un sistema XIS de información xeográfica, que fai máis fácil e intuitivo o acceso á información, permitindo visualizar cada dato nun mapa. Así mesmo, destacaron que a Deputación da Coruña tamén estivo entre as primeiras institucións públicas en abrir unha web con datos cartográficos para o uso público.

Cun simple clic, a web da EIEL permite acceder a multitude de datos coma os equipamentos culturais, deportivos, sanitarios e de ocio de cada municipio, a rede viaria, a subministración eléctrica, o acceso a internet, os servizos de correo e telefonía, a recollida de residuos e plantas de tratamento, o abastecemento e saneamento de auga, as plantas de potabilización ou as depuradoras.
Entre os retos de futuro da enquisa, Deputación e UDC proxectan agora a mellora da súa utilidade para os municipios, para a institución provincial e para a cidadanía en xeral, implantando novas funcionalidades que permitan comparar as infraestruturas entre varios concellos, e adaptar a web EIEL para a súa consulta a través de dispositivos móbiles.

13 de xullo de 2017 | 14:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.