publicidade hoxe

A presidenta da Deputación presenta as novas parcelas que o grupo Froiz ocupará no polígono de empresas de Barro-Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroMeisPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Represas, mailo empresario Magín Froiz, presentou hoxe en rolda de prensa a situación actual da ocupación do polígono de empresas de Barro-Meis, na que o grupo de distribución alimentaria vén de adquirir unha nova parcela para a construción da súa plataforma loxística.

Carmela Silva sinalou que “hoxe é un deses días que a calquera administración lle gusta poder vivir porque falamos de crecemento económico e de creación de emprego unha vez máis do lado dunha das empresas máis senlleiras da nosa provincia como é o grupo Froiz”. A Presidenta provincial afirmou que “como adiantaba o empresario a última vez que compartimos unha rolda de prensa, a empresa mercou máis parcelas do polígono de Barro-Meis e hoxe damos cumprimento a aquel anuncio”, posto que a Deputación de Pontevedra aprobou, na Xunta de Goberno do 28 de abril, “a venda dunha nova parcela dunha extensión de preto de 10.000 metros cadrados (9.594,39 m2), por un importe que ascende a preto de 1.150.000 € (1.149.311,98 €) e que destinará, igual que o resto das 15 parcelas, a instalar a súa plataforma loxística”, sinalou Carmela Silva.

En canto ao proxecto do grupo Froiz no polígono de Barro, Carmela Silva lembrou que se trata da “16ª parcela que adquiriu neste espazo, que se atopa nunha localización estratéxica axudada en gran parte polas súas boas comunicacións”. Anteriormente, lembrou a Presidenta, “o Grupo Froiz xa adquirira un total de 15 parcelas no polígono de Barro, ocupando unha superficie de 72.675 metros cadrados, polo que con esta nova parcela xa dispón de máis de 82.000 m2”. Pola súa parte, Magín Froiz agradeceu “á Deputación de Pontevedra e ao concello de Barro por axudarnos a facer as cousas da mellor maneira posible” e asegurou que, se todo vai ben, “nesta última parcela que vimos de adquirir, o ano que vén comezaremos a construír unha plataforma para conxelados”.

Ademais, a Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “nos últimos días produciuse a sinatura doutras 7 empresas que tamén adquiriron espazos, en venda e en cesión de dereitos, deste polígono”, en total 16.313,40 m2 cun importe de preto de 1.800.000 €. “Sumando este investimento ao do grupo Froiz, supón un importe total de preto de 3 millóns de euros”, sinalou Carmela Silva.

Estas outras 7 empresas son as seguintes: “EDF Solar”, de enerxías renovables, “Mariscos Alumar”, cocedoiro de mariscos, “José Benito González Villaverde”, de transporte, “TC Group Atlántico”, importación e exportación de froitas, “Balvalén”, de transporte (e que adquire dúas parcelas) e, por último, “Frutas Moncho”.

Deste xeito, “neste momento están vendidas un total de 34 parcelas que suman arredor de 140.000 metros cadrados. Ademais, outras dúas están pendentes de sinatura e se asinarán nos vindeiros días, co cal temos unha ocupación de 36 parcelas máis outras 40 aínda á venda que se poden adquirir ata abril de 2018”, sinalou a Presidenta provincial. Carmela Silva asegurou que “seguimos a traballar para que a ocupación sexa total, e iso significará que se asentan na provincia empresas que lle dan pulo á actividade económica e á creación de emprego”. O alcalde de Barro, Xosé Manuel Represas, sinalou “os esforzos que fai a institución provincial para que este polígono sexa un lugar atractivo e que estea a punto para que se instalen alí as empresas” e amosou a súa satisfacción “polo tipo de empresas que chegan ao polígono, que non crean problemáticas e serven para atraer a outras”.

A Presidenta amosou “o meu respecto dende a intelixencia, o sentimento e a emoción a Magín Froiz pola súa aposta pola economía en Galicia e nesta provincia, polo seu compromiso”, xa que “é unha desas empresas das que todas e todos nos temos que sentir orgullosas”. Carmela Silva asegurou que “as administracións públicas temos que ter como un dos nosos grandes obxectivos promover a instalación de empresas na provincia da man do sector privado, neste caso da man dun empresario que é unha honra ter na provincia”. “Necesitamos moitos empresarios así, é bo que teñamos empresas vinculadas ao noso territorio porque iso nos permite avanzar”, concluíu.

4 de xullo de 2017 | 14:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.