publicidade hoxe

O Centro Dramático Galego afondará na obra de Valle-Inclán coa produción de Divinas palabras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O Centro Dramático Galego (CDG) continuará afondando na obra de Valle-Inclán na súa próxima temporada escénica, durante a que levará a cabo a produción de Divinas palabras, un dos grandes clásicos teatrais do autor arousán. Tanto os detalles deste novo espectáculo como do resto da programación que a compañía pública desenvolverá no período 2017-2018 daranse a coñecer na presentación pública que terá lugar á volta do verán.

Esta será a primeira versión en galego de Divinas palabras, coa que a Consellería de Cultura e Educación aposta por seguir incorporando os textos de Ramón María del Valle-Inclán ao repertorio teatral no noso idioma unha vez liberados os dereitos sobre a súa obra. Este título sumarase, pois, aos das dúas pezas que conforman o espectáculo Martes de Carnaval (As galas do defunto e A filla do capitán), que o Centro Dramático Galego representa hoxe mesmo en Vigo e que rematará o seu período de exhibición do 28 de xuño ao 16 de xullo no Salón Teatro de Santiago.

Ademais de en Galicia, a aproximación do CDG a este clásico da literatura dramática poderá verse tamén no Teatro Español de Madrid, que mañá presenta a súa nova temporada e onde está prevista unha estadía de 10 días no mes de maio. Deste xeito, darase continuidade tamén á liña de traballo que está a desenvolver a compañía da Xunta co obxectivo de tender pontes entre o teatro que se está a facer en Galicia e a escena doutros territorios do resto de España e Portugal.

Do mesmo xeito que en Martes de Carnaval, o novo proxecto do Centro Dramático Galego rastrexará a vixencia das palabras de Valle, sempre na procura dun imaxinario contemporáneo. Ademais, coa posta en escena de Divinas palabras en galego saldarase unha débeda coa primeira directiva da compañía institucional que, no momento da súa fundación hai 33 anos, non puido levar a cabo este proxecto ao non dispoñer dos dereitos para a tradución da obra.

22 de xuño de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.