publicidade hoxe

Feijóo: “Galicia ten que aproveitar o proxecto da nova Ruta da Seda para estreitar as relacións comerciais con China”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que Galicia ten que aproveitar o proxecto da nova Ruta da Seda para estreitar as relacións comerciais con China e situarse como plataforma loxística para o sur de Europa.

Durante un encontro coa Cámara de Comercio para a importación e exportación de maquinaria e produtos electrónicos, Feijóo trasladou a disposición da Comunidade de chegar a ser un enlace máis nos plans de apertura económica do país cara a Europa, incidindo en que Galicia é unha rexión que, grazas á súa situación xeográfica, conta cunhas condicións excelentes para o tráfico marítimo.

Galicia, o porto de Europa

Nesta liña, lembrou que 1400 quilómetros de costa “nos converten no corazón do arco atlántico e nun enclave estratéxico para o transporte de mercadorías”. “Por iso somos o porto de Europa”, aseverou, destacando: o porto pesqueiro de Vigo, o máis importante de Europa e onde se atopa unha das tres zonas francas de toda España e a única do noroeste da península ibérica; os portos exteriores da Coruña e Ferrol, cuxo calado permite, as 24 horas do día, a entrada de buques de gran tonelaxe e o transbordo de mercadorías; as terminais portuarias de Marín e Vilagarcía de Arousa, cada vez máis importantes para o tráfico de colectores en Galicia; ou os 122 portos pesqueiros que acollen a actividade diaria da frota de baixura e de altura.

“O sistema de autoestrada do mar ten, polo tanto, en Galicia un porto de referencia”, aseverou, engadindo que esta infraestrutura se complementa cunha rede viaria de case 5600 quilómetros, co tren de alta velocidade e con tres aeroportos.

“Desde o recuncho atlántico que ocupamos, o reto agora é que esa ponte alcance un novo destino. E ese destino é China”, abundou o presidente da Xunta, reiterando o interese da Comunidade por ter un papel activo nas novas relacións comerciais entre Asia e Europa que traerá consigo a nova Ruta da Seda.

Ao respecto, expuxo que, a día de hoxe, Galicia está entre as sete autonomías de España que máis exporta a China e que máis importa de China: o pasado ano, 477 empresas galegas exportaron a este país, un 15% máis que en 2015.

“China é o principal destino en Asia para as exportacións galegas e o terceiro país do que Galicia máis importa, despois de Francia e Portugal. E as tres cuartas partes das exportacións a este país, despois do téxtil, son materias primas e produtos intermedios da industria agroalimentaria”, precisou.

Seguridade, confianza e crecemento

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse ás empresas galegas como a mellor credencial que presentar neste encontro, lembrando que en medio dunha das peores crises económicas que viviu a economía mundial, a súa capacidade para abrirse paso fóra do mercado doméstico, e para encontrar novos nichos de negocio cando o consumo interno caía, foi vital para que agora se poda falar de crecemento.

“E é que, nestes últimos catro anos, as exportacións galegas non só bateron marcas récord; senón que foron un factor a ter en conta polos principais organismos económicos que levan tempo prognosticando un crecemento positivo da nosa economía”, dixo, subliñando que, ao igual que o FMI sitúa España como un dos países desenvolvidos que máis crecerá este ano, outras entidades de prestixio revisaron á alza as súas previsións para a economía galega e sitúana á cabeza de España.

Neste sentido, expuxo tamén o esforzo do Goberno galego por xerar un marco de estabilidade institucional e de responsabilidade financeira que propiciase esta mellora; e por que Galicia sexa sinónimo de seguridade, confianza e crecemento, “os valores da nosa marca, a Marca Galicia”.

A Marca Galicia aval de innovación, de calidade e de fiabilidade

Feijóo aseverou que todo o traballo que a industria galega está facendo por ser máis competitiva, máis internacional e máis innovadora, leva este selo. “É un aval de innovación, de calidade e de fiabilidade, que nos sitúa en disposición de conquistar tanto mercados estranxeiros, como investimentos de empresas que aposten pola man de obra e polo saber facer da industria galega”, afirmou.

Unha industria que vai adquirindo un modo de traballo propio da industria 4.0: máis dixitalizado e automatizado, e onde xa está presente o manexo da robótica e as novas tecnoloxías. Isto, reflíctese no sector da automoción, coa fabricación do primeiro coche autónomo deseñado por PSA; no sector naval, que actualmente ten un pleno de pedidos en todos os estaleiros, e que camiña cara á diversificación, con traballos en campos como a eólica offshore; no polo aeronáutico, co desenvolvemento de avións non tripulados; e no sector agroalimentario, cun valor engadido dunha materia prima única.

Ademais, resaltou que un total de 35 centros tecnolóxicos e dependentes das tres universidades galegas desenvolven a súa actividade actualmente en Galicia. Os máis importantes, e á vangarda de Europa, están asociados aos sectores estratéxicos da economía da comunidade: a automoción, a pesca, o sector da madeira, o agroalimentario, o das telecomunicacións, ou o sector da enerxía.

Máximas facilidades e máximas posibilidades para facer negocios

No eido da captación de investimentos, Feijóo trasladou a idea de que Galicia quere ser unha terra onde as empresas non atopen pedras no camiño á hora de investir e poidan establecerse en calquera dos seus polígonos industriais. “E, con esta finalidade, estamos a suprimir ao máximo as trabas burocráticas para facilitar a actividade empresarial na nosa terra. E, para facela atractiva tanto polo nivel de cualificación da súa industria e dos seus traballadores; como por ofrecer unha man tendida a aquelas empresas que queiran instalarse nela”, explicou.

Ao respecto, garantiu o compromiso de que as empresas que queiran traballar na Comunidade galega paguen menos impostos; realicen menos trámites administrativos para instalarse ou poñer en marcha un negocio; e dispoñan de chan industrial a baixo custo. “A finalidade é que Galicia sexa vista no mundo como unha terra que ofrece as máximas facilidades e as máximas posibilidades para facer negocios”, dixo.

Feijóo referiuse a esta xuntanza como unha oportunidade para que as empresas chinesas coñezan as fortalezas da Comunidade galega e da súa industria. Non en van, empresas como Citic, Sonangol, ou Shanghai Kaichuang xa apostaron por Galicia.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que a automoción, o naval, o sector agroalimentario, o sector turístico e de servizos, as enerxías renovables ou o ámbito dos bens industriais, son campos que ofrecen grandes posibilidades para o investimento para ambas as partes. “En Galicia contan coa infraestrutura loxística necesaria, un enclave marítimo privilexiado e unha industria en constante renovación”, reiterou.

12 de xuño de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.