publicidade hoxe

Cores Tourís visita a Comunidade de montes de San Vicente de Nogueira en Meis para coñecer os traballos na prevención do lume forestal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeis
A-
A+
Cores Tourís na visita a Meis

Cores Tourís na visita a Meis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a comunidade de montes de San Vicente de Nogueira en Meis co obxectivo de coñecer a labor que está a desenvolver na prevención do lume forestal.

Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, José Luis Pérez Estévez, así como do presidente da Comunidade de Montes, José Manuel Ruibal, do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e do xefe do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, Manuel Francisco.

O delegado territorial aproveitou a visita para anunciar que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, acaba de facer públicas as axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sofor. Neste senso, a comunidade de montes de San Vicente recibiu case 12.000 euros para o control selectivo de combustibles.

En total, aprobáronse 119 proxectos para toda a provincia de Pontevedra por un montante de 974.975 euros, dos cales 350.640 corresponden a comunidades de montes do distrito forestal XIX no que se atopa o concello de Meis.

Neste distrito executarase a creación dun punto de auga de 60 metros cúbicos e doutro de 110 metros cúbicos, cun investimento de 20.410,78 euros. Ademais, tamén se executarán traballos de roza sobre 683 hectáreas, con labores de rexeneración, faixas auxiliares a pista e devasas, ao que se destinará 330.229,60 euros.

A maiores da axuda recibida para a prevención de incendios, tamén débense sumar os 23.000 euros recibidos pola comunidade de montes de San Vicente por parte da Consellería en 2016 para a execución de traballos de tratamento silvícola, tanto con apertura de rúas en masa en rexeneración logo dun incendio forestal, como rareos, limpeza de marxes e eliminación de restos, executados ao longo de 21 hectáreas. Para o presente ano, a comunidade solicitou outros 6.600 euros para a roza e limpeza de 10,53 hectáreas que se unen a outros 6.000 euros que recibirá a veciña comunidade de montes de San Salvador co mesmo fin.

Das case 89.000 hectáreas que ten o Distrito XIX Caldas-O Salnés, 50.362 corresponden a monte veciñal, conformado por 352 Comunidades de Montes.

A Consellería de Medio Rural está a investir 109.429,86 euros no Distrito Forestal de Caldas- O Salnés de cara a executar traballos preventivos como roza mecanizada (poda,clareo e eliminación de biomasa) en un total de 73,6 hectáreas antes da temporada de máximo risco.

Deste xeito, segundo apuntou Cores Tourís, “estamos a falar, entre as axudas destinadas as obras de roza das comunidades de montes e os traballos realizados directamente por la Xunta, dun total de 460.000 euros que servirán para preparar 466 hectáreas no Distrito XIX”.

No caso dos convenios de colaboración en materia de biomasa cos concellos do Distrito, estanse a executar os tratamentos de limpeza das marxes das pistas e estradas municipais podendo chegar estes ata 620 quilómetros, con un investimento total de 32.240 euros.

Por outra banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo un chamamento á cidadanía para que se adopten as medidas de precaución durante estes días de cara a evitar lumes accidentais.

Recordar tamén a utilización por parte da cidadanía do 085 como teléfono de aviso, “operativo as 24 horas do día para transmitir calquera alarma por lume no monte. Entre todos podemos evitar os incendios e minimizar o seu impacto”.

7 de xuño de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.