publicidade hoxe

A Xunta convoca 20 prazas de intercambio xuvenil con Xapón e Alemaña para potenciar a adquisición de competencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Xunta de Galicia convoca 20 prazas para dous intercambios xuvenís en Alemaña e Xapón ao abeiro das relacións bilaterais que mantén con distintas entidades noutros países co fin de potenciar entre a mocidade a adquisición de experiencias, habilidades e competencias.

A Consellería de Política Social, anima a participar nesta iniciativa -enmarcada no programa de educación non formal A xuventude no mundo- aos mozos e mozas residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade, no caso do intercambio a Xapón, e de 18 a 25 anos no caso do intercambio a Alemaña. A duración do intercambio será dunha semana, un período no que coñecerán outras culturas e linguas e interactuarán con rapaces e rapazas alemáns e xaponeses en distintas actividades.

No que respecta a Alemaña, convócanse seis prazas e o intercambio desenvolverase do 13 ao 22 de agosto no distrito de Reinickendorf (Berlín). Para Xapón ofértanse 14 prazas na prefecturas de Wakayama do 29 de agosto ao 5 de setembro e durante os tres últimos días convivirán con familias xaponesas de acollida. Os gastos de manutención e aloxamento corren a cargo da organización e os participantes faranse cargo dos custes de desprazamento ata o país de realización do intercambio.

Desde a Xunta de Galicia, apóstase por facilitar experiencias no estranxeiro á mocidade galega en viaxes de ida e volta coa fin de mellorar as súas habilidades, as súas competencias lingüísticas e os seus coñecementos sobre outros estilos de vida e culturas. Esta aprendizaxe e implicación activa serviralles para a súa vida persoal pero tamén para mellorar a súa empregabilidade. A participación neste intercambio dá dereito aos mozos e mozas a solicitar o certificado de educación non formal que Galicia emite desde o ano 2015.

As persoas interesadas poderán inscribirse mediante o envío do formulario electrónico que atoparán no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O prazo de inscrición estará aberto ata o 21 de xuño e as prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.

15 de xuño de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.