publicidade hoxe

A Deputación de Lugo levou a Castroverde 630.000 euros para servizos sociais, emprego, novas dotacións públicas e melloras no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastroverdeLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias Fernández, informou este martes sobre as actuacións de 630.000 euros, que o Goberno Provincial achegou aos máis de 2.700 veciños deste Concello a través da execución do Orzamento de 2016. Campos Conde destacou que “este importante investimento, permitiunos ofrecer novos postos de traballo ou atención profesional a maiores, que non atende a Xunta por non telos catalogados como dependentes; mellorar rúas, construír novas dotacións públicas ou acondicionar as existentes, principalmente en zonas rurais. Este ano, a través do Plan Único, facemos o primeiro novo investimento en Castroverde de 280.000 para seguir potenciando os servizos públicos aos veciños deste municipio dende un Executivo Provincial que traballa con feitos por unha Deputación coas persoas, social e rural”.

Emprego e servizos sociais

Campos Conde e Arias Fernández mantiveron hoxe unha xuntanza cos 4 desempregados lucenses que conseguiron traballo a través do DepuEmprego. O Goberno da Deputación asume todos os custos laborais destes profesionais con 41.845 euros. Exercen como operarios de mantemento, reforzando a mellora das prestacións publicas municipais, que se levan a cabo dende o Concello.

Presidente e Alcalde tamén estiveron con maiores do municipio que atende o Executivo da Deputación porque a Xunta non o fai por non telos catalogados como dependentes. Para elo, o Goberno Provincial achegou máis de 23.000 euros, que permiten ofrecer 2.000 horas de atención profesional a 18 veciños co Servizo a Domicilio a non dependente da Deputación; así como Teleasistencia gratuíta a outros 9 maiores, sendo un total de 27 os que atende o Executivo da Deputación en Castroverde.

Mellora de rúas, alumeados públicos e un novo parque infantil

Campos e Arias supervisaron os traballos de dotación e mellora de servizos públicos, que financiou o Goberno da Deputación con máis de 86.300 euros. Este orzamento permite a mellora da Rúa dos Nenos, en Santiago de Vilariño, onde se está a facer unha nova canalización, renovar o cableado eléctrico e dotala de novas beirarrúas, beneficiando, directamente, ás 50 familias que viven na zona. Con dito orzamento, tamén se pavimentou e se acondicionou o saneamento na Praza do Concello, na Rúa da Feira e na Rúa Rosalía de Castro.

No centro da vila, o Executivo Provincial financiou con 14.000 euros (que se inclúen na cantidade anterior) a construción dun novo parque infantil, dando resposta a unha demanda dos veciños.

Presidente e Alcalde supervisaron as melloras de 21.455 euros (que tamén se inclúen na primeira cantidade) nos alumeados públicos de Montecubeiro, Vilar, Barreiros e San Cibrao. Co financiamento do Goberno da Deputación permitiu situar ducias de novos puntos de luz de baixo consumo en ditos núcleos rurais.

136.000 euros para accesos no rural

Foron 86.000 euros os que achegou o Executivo Provincial á mellora dos accesos viarios a 15 núcleos rurais, nos que viven máis de 300 familias. Por exemplo, os de Fornos de Castedo, Lameiras ou Moreiras, entre outros. Tamén financiou con 50.000 euros o acondicionamento de camiños dentro da aposta do Goberno da Deputación pola vida no rural e do rural. Hai que ter en conta que Castroverde conta con ducias de núcleos rurais cunha forte actividade agrogandeira, que é a base da economía deste municipio, que requiren de traballos de conservación para que estes profesionais poidan desenvolver a súa actividade e vida cotiá.

Máis de 280.000 euros co Plan Único 2017

Campos Conde amosou a súa “satisfacción” polo conxunto de traballos executados con 630.000 euros do Orzamento de 2016, e destacou que “continuaremos con este traballo de mellora dos servizos públicos aos veciños de Castroverde. O primeiro investimento de 2017 que facemos neste municipio para continuar con este traballo é o do Plan Único, que supera os 280.000 euros”. Destacan os máis de 200.000 euros que se destinan á mellora de diferentes vías de comunicación e de prazas públicas, como a de San Xulián de Pereiramá, que hoxe visitaron o Presidente e o Alcalde.

20 de xuño de 2017 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.