publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e Oza-Cesuras avanzan para que este concello acade o seu primeiro Plan xeral de ordenación municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co concello de Oza-Cesuras. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na sinatura do convenio co concello de Oza-Cesuras. Foto: M. Fuentes

A Xunta de Galicia e o Concello de Oza-Cesuras avanzaron hoxe o primeiro paso para que este municipio acade o que será o seu primeiro plan de ordenación municipal. Así, o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Oza-Cesuras.

A conselleira salientou que para o Goberno galego é unha prioridade que os concellos de Galicia, conten con un PXOM adaptado á lexislación vixente, xa que son a folla de ruta na que se debe basear o seu crecemento e desenvolvemento. Indicou que nesta tarefa contan con toda a colaboración e apoio do departamento responsable en materia urbanística da Xunta, tal e como demostra o feito de asinar este convenio de colaboración en menos de dúas semanas tras ser aprobado polo Consello da Xunta.

En virtude desta colaboración, destinaranse 167.000 euros para a redacción do novo plan xeral de ordenación municipal do Concello de Oza-Cesuras, dos cales a Xunta de Galicia aportará un 90%, é dicir, 150.000 euros.

Transcorridos máis de tres anos desde a creación do novo municipio, debe poñerse fin a situación na que se atopa este concello, que se rexe por un plan xeral aprobado en outubro de 2001, no ámbito territorial de Oza dos Ríos e no caso de Cesuras, por unhas Normas Subsidiarias de Planeamento Urbanístico, aprobadas en 1997.

Coa redacción deste novo plan xeral porase fin a unha situación transitoria, que hoxe en día xa se percibe como inxusta e discriminatoria, e que pode causar graves problemas e disfuncións, e o sentimento, por parte de moitos veciños, de padecer inxustificados agravios comparativos cando, por mor da aplicación de distinta normativa urbanística local, o mesmo problema ten solucións diferentes, dependendo do territorio onde se atope o terreo en cuestión.

Cómpre recordar que o municipio de Oza-Cesuras, nacido en virtude do Decreto núm. 83/2013, do 6 de xuño (DOG núm. 108, do 7 de xuño), polo que se aprobou a fusión voluntaria dos municipios de Oza dos Ríos e Cesuras, é o resultado da primeira fusión de municipios en Galicia desde o ano 1968, e, por tanto, a primeira unión de concellos desde a chegada da democracia.

No relativo ao urbanismo, o novo concello velará para que o seu novo plan xeral respecte a clasificación do solo, especialmente a delimitación do solo urbano e dos núcleos rurais, existente na actualidade; sen que, por tanto, os solos urbanos e núcleos rurais diminúan de tamaño ou superficie, sen prexuízo de que se poidan ampliar as áreas de solo urbano e dos núcleos rurais, incluso delimitando outras novas, no caso de darse os requisitos legais para iso. Así mesmo, velará para que os demais parámetros urbanísticos (usos, parcela mínima, edificabilidade, alturas, ocupación do terreo, recuados a lindeiros, etc.) non sexan máis restritivos para a construción que os actualmente vixentes. O concello considerará prioritario que o novo plan xeral posibilite o desenvolvemento industrial no territorio dos antigos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos, habilitando para tal fin o solo industrial que resulte preciso.

A conselleira destacou os esforzos realizados polo Goberno galego desde 2009, cando a Comunidade sumaba 33 concellos con PXOM actualizado, sete anos despois xa son 94; é dicir, o actual Goberno ten aprobado 61 planeamentos.

Por outra banda, destacou o apoio e colaboración da Xunta con este concello que se materializa en actuacións como a mellora do abastecemento de augas de Cesuras, que se atopa actualmente en licitación por un importe de 740.000 euros; ou a mellora da zona de Tablas, onde se instalarán beirarrúas que ofrecerán unha maior seguridade viaria, na que a Consellería de Medio Ambiente inviste 114.000 euros, dentro do Plan hUrbe.

8 de maio de 2017 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.