publicidade hoxe

Rueda aposta pola modernización e a transparencia para achegar a administración á cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe pola modernización e a transparencia como recursos para achegar a administración ao conxunto da sociedade. Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na inauguración da xornada Aplicación práctica da nova lexislación de réxime xurídico do sector público e procedemento administrativo, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela.

As normas sobre as que trata a xornada -a lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas; e a 40/2015 de réxime xurídico do sector público- supuxeron un importante impulso á dixitalización, xa que configuraron a tramitación electrónica como a canle habitual das administracións, tanto na súa xestión interna como nas súas relacións coa cidadanía.

Esta aposta coincide co compromiso da Xunta nesta materia. Desde hai anos lévanse poñendo en marcha diversas iniciativas para avanzar na modernización, como a Sede electrónica da Xunta, que ofrece á cidadanía o 93% dos procedementos en formato electrónico. Onte mesmo, o Consello da Xunta aprobaba dotar a esta Sede dunha nova funcionalidade, que permitirá presentar a través desta canle aquelas solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñen dun modelo electrónico normalizado.

A estas novidades, téñense sumado nos últimos tempos outros avances como o sistema de notificación electrónica; ou servizo de emisión de certificados, que permite obter o título de familia numerosa ou o certificado de discapacidade sen ter que desprazarse ata as unidades administrativas.

Ademais da modernización, o Goberno galego aposta tamén pola transparencia para construír unha administración máis próxima á cidadanía. Neste punto, destaca a posta en marcha hai algo máis dun ano do Portal de transparencia e e goberno aberto, que a día de hoxe ten recibido xa máis de 100.000 visitas.

5 de maio de 2017 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.