publicidade hoxe

O Teatro Colón acolle o VI Festival ‘Arte pola Igualdade’ nas Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+
Presentación do VI Festival ‘Arte pola Igualdade’

Presentación do VI Festival ‘Arte pola Igualdade’

O coruñés Teatro Colón acolle mañá, xoves, a nova edición do Festival Arte pola Igualdade, un espectáculo escolar co que o alumnado e o profesorado do Centro de Educación Especial (CEE) María Mariño e o Conservatorio de Música da Coruña (CMUS) -baixo a coordinación dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG)- emprazan a toda a cidadanía a festexar as Letras Galegas 2017 cunha homenaxe moi especial ao autor elixido pola Real Academia Galega, Carlos Casares. A cita será ás 19:00 horas e a entrada, libre e de balde ata completar a capacidade desta sala, xa pode retirarse no despacho de billetes do propio teatro.

Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen valorou especialmente “este proxecto como proba de que a discapacidade física ou psíquica non son barreira ningunha á hora de desenvolver o potencial creativo e a sensibilidade artística do alumnado” e animou “a toda cidadanía a desfrutar desta interesante contribución á celebración do 17 de maio do CEE María Mariño e do CMUS no marco da programación institucional de actividades da Xunta de Galicia”.

García Gómez estivo acompañado do xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación, Indalecio Cabana; e mais polos dous directores dos centros promotores da iniciativa, María Luz Barreiro e Jesús López, do CEE María Mariño e do CMUS, respectivamente.

VI Festival Arte pola Igualdade

O CEE María Mariño e o CMUS da Coruña celebrarán, por sexto ano consecutivo, as Letras Galegas a través do Festival Arte pola Igualdade, un espectáculo para todos os públicos que terá como protagonista e anfitrión o seu alumnado e que se poderá gozar mañá á tardiña no Teatro Colón da Coruña.

O cartel do festival inclúe un recitado de poemas do autor ourensán ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio, a representación da peza ‘Un polbo xigante’ – da man de alumnado do CEE María Mariño e do CEIP Eusebio da Guarda- inspirada na obra homónima de Casares e un pequeno concerto da Orquestra Sinfónica do CMUS que interpretará, entroutras composicións, temas do folclore tradicional galego.

O festival conta tamén coa colaboración do CIFP de Leixa de Ferrol (cartelaría), do IES Imaxe e Son da Coruña (gravación) e do CIFP Someso (maquillaxe e peiteado). A entrada é de balde ata completar a capacidade do teatro e poderase retirar previamente no despacho de billetes.

3 de maio de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.