publicidade hoxe

O Centro Coreográfico programa cinco cursos de repertorio, danza clásica e contemporánea ata xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Centro Coreográfico Galego desenvolverá na súa sede da Coruña ata finais de xullo cinco cursos teóricos e prácticos sobre repertorio, danza clásica e contemporánea, para os que se conta con destacados profesionais do sector a nivel estatal. Ana Abad Carlés, Beatriz Pérez, Kirenia C. Martínez, Ramón Oller, Ricardo Franco, Marisa Mateo Escaples e Tino Morán conforman o corpo docente destes encontros, dirixidos a bailaríns e bailarinas profesionais, profesorado e estudantes de danza de nivel medio-alto.

Unha decena de estudantes participará no primeiro destes talleres, que impartirá Ana Abad Carlés do 8 ao 12 de maio e para o que xa rematou o prazo de matrícula. A autora de Historia del ballet y de la danza moderna volve colaborar co Centro Coreográfico galego para continuar afondado no ensino e na análise da danza, desta volta do repertorio coreográfico.

Profesional da danza cunha ampla experiencia nas áreas de investigación académica, dirección de proxectos, coreografía e políticas artísticas e educativas, Abad Carlés estruturou o programa deste encontro arredor de cinco eixos: introdución á análise coreográfica, os textos coreográficos e os criterios para determinar a súa autenticidade, o repertorio romántico, o clásico ou imperial e introdución ao do século XX.

Inscricións

Para o resto dos cursos previstos mantense aberto o período de solicitude segundo as instrucións que se poden consultar no web www.centrocoreografico.gal. Así, as persoas interesadas en asistir ao de danza contemporánea coas bailarinas Beatriz Pérez e Kirenia C. Martínez, da compañía galega Entremans, teñen de prazo para inscribirse ata o 12 de maio. O prezo da matrícula é de 50 euros.

O obradoiro, que se desenvolverá do 22 ao 26 de maio, iniciará todas as súas sesións cunha primeira parte de preparación técnica do corpo a cargo de Beatriz Pérez, que dará paso a unha segunda dedicada á creación artística, da que se fará cargo Kirenia C. Martínez. Ambas as profesionais, que iniciaron a súa formación e traxectoria profesional na súa Cuba natal, levan máis de dez anos radicadas en Galicia, onde desenvolven unha intensa actividade artística e docente.

Oferta de verán

As tres citas restantes terán lugar en xullo como parte da oferta de cursos de verán do Centro Coreográfico Galego. O coreógrafo e director de escena catalán Ramón Oller conducirá o primeiro deles, centrado na danza contemporánea, que terá lugar do 3 ao 7 de xullo. Premio Nacional de Danza do Ministerio de Cultura en 1994, Oller está considerado como un dos referentes do sector en España, cun selo moi persoal do que deixou testemuño no medio cento de coreografías que asinou tanto para a súa compañía Metros como para a Compañía Nacional de Danza, Ballet Cristina Hoyos, Dagoll Dagom, Gran Teatre del Liceu, Centro Dramático Nacional ou o Ballet Hispánico de Nueva York, entre outros.

Do 10 ao 14 de xullo será a quenda de Ricardo Franco, quen impartirá un curso de danza clásica, técnica de puntas e pas de deux. Primeiro bailarín da Compañía Nacional de Danza durante 17 anos, Ricardo Franco centra agora a súa traxectoria profesional na creación de coreografías para diferentes compañías e espectáculos, así como no ámbito formativo como profesor do Real Conservatorio de Danza de Madrid.

O último destes encontros de verán desenvolverase os días 24, 26, 27 , 28 e 29 de xullo da man de Marisa Mateo Esclapes e Tino Morán. A xefa de estudos do Conservatorio Profesional de Danza Carmen Amaya, que foi a coreógrafa da Selección Española de Ximnasia Rítmica de 1994 a 1999, e mais o mestre de baile do Ballet Nacional de España impartirán un curso de danza clásica para os niveis medio e avanzado.

No caso do programa de verán, o prezo da matrícula por curso é de 50 de euros, de 80 euros para dous e de 120 euros para os tres encontros. Os prazos de solicitude manteranse abertos ata os días 23 de xuño, 20 de xuño e 14 de xullo, respectivamente.

2 de maio de 2017 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.