publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Arranca a nova edición do programa de Hospitaleiros voluntarios no Camiño de Santiago no albergue de Ribadiso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O programa ‘Hospitaleiros no Camiño’ arrincou un ano máis no albergue coruñés de Ribadiso (Arzúa), no que un total de 18 voluntarios desenvolverán ata finais do mes de setembro labores de acollida e acompañamento neste establecemento do Camiño Francés.

Despois do éxito das dúas edicións anteriores, a iniciativa impulsada polo Xacobeo e pola asociación estadounidense de amigos do Camiño, American Pilgrims of the Camino, cumpre este ano a súa terceira edición coa intención de volver a reforzar a acollida dos peregrinos e fortalecer a dimensión multinacional do Camiño de Santiago.

Nos últimos anos, este programa de hospitalidade está a suscitar gran interese entre os socios desta asociación norteamericana, polo cal este ano está previsto que hospitaleiros procedentes doutras asociacións, como é o caso de Holanda, poidan incorporarse noutros albergues nos vindeiros meses.

O programa ‘Hospitaleiros voluntarios’ naceu hai tres anos para mellorar a acollida aos peregrinos que percorren as diversas rutas de peregrinación en Galicia, colaborando cos albergueiros neste labor tan singular da peregrinación xacobea e que conforma un dos valores que identifican ao Camiño de Santiago.

Non se trata de realizar funcións de mantemento do albergue senón especialmente acoller aos peregrinos, compartir a súa experiencia e participar nas súas inquedanzas. O obxectivo último é lograr que os peregrinos, especialmente os foráneos, se sintan máis acollidos nos establecementos da rede pública de albergues.

Máis de 3.000 prazas nos albergues

A Rede Pública de Albergues está constituída na actualidade por 69 establecementos con máis de 3.000 prazas de aloxamento ao longo dos diversos itinerarios do Camiño de Santiago. A creación desta rede materializa a solidariedade e hospitalidade xacobea.

No que vai de ano, a cifra total de peregrinos supera os 50.000, o que supón un incremento de case o 21% con respecto ás mesmas datas do ano pasado. En canto aos peregrinos estranxeiros, é Alemaña o país de onde máis proveñen, seguido por Portugal, Italia e Estados Unidos.

15 de maio de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.